El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Economí­a

GALICIA | IMPOSTO DE SOCIEDADES

As organizacións de acción social piden o apoio das empresas galegas marcando o recadro Empresa Solidaria no Imposto de Sociedades

14-07-2023 13:50:33

REDACCIÓN | Coincidindo coa presentación do Imposto de Sociedades, EAPN Galicia (Rede Galega de Loita contra a Pobreza), POI Galicia (Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia) e CERMI Galicia (Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade), redes de organizacións que forman parte do Terceiro Sector Social en Galicia, piden a colaboración das empresas para que risquen o recadro Empresa Solidaria no seu Imposto de Sociedades.  

A medida, que está presente desde o período impositivo de 2018, supón unha inxección de fondos máis que necesaria para moitas das case 635.000 persoas vítimas da pobreza ou a exclusión social no 2022, un 23,6% da poboación galega. 

As ONG prestan servizos esenciais na loita contra a exclusión social e a pobreza, traballan en primeira liña contra os efectos provocados trala pandemia, a crise enerxética, a inflación e a guerra de Ucraína, apoiando e defendendo os dereitos das persoas máis vulnerables. 

Este traballo é posible grazas ás 750.867 persoas que en Galicia marcan o X Solidario na súa Declaración da Renda e agora tamén para grandes, medianas ou pequenas empresas a través do 0,7% da cota íntegra do Imposto de Sociedades. 

Todos os fondos recibidos recaeron en 140 organizacións galegas de acción social que puideron levar a cabo máis de 607 proxectos beneficiando de xeito directo a persoas maiores, con discapacidade, enfermas de cancro, mulleres vítimas de violencia machista, xente moza, infancia...

A través da X Solidaria desenvolvéronse programas de teleasistencia, apoio ás persoas con discapacidade e familias, educación para a saúde, centros de atención integral para as mulleres diagnosticadas de cancro de mama, residencias, atención a persoas xordas na súa contorna sociofamiliar, atención a mulleres en dificultade social, centros de día, atención a persoas sen fogar, erradicación de violencia de xénero, atención á poboación rural desfavorecida e programas de voluntariado, transporte en vehículos adaptados, entre outros moitos.  


Empresa e impacto positivo  #EmpresasConImpacto  

Catro de cada 10 empresas, en especial medianas, pequenas ou autónomas descoñecen esta posibilidade. No último exercicio recadáronse 43 millóns de Euros en toda España, apenas o 23% dos 225 millóns de euros que se poderían recadar se todas as empresas marcasen o recadro Empresa Solidaria no Imposto de Sociedades.  

En 2023, o recadro Empresa Solidaria pódese marcar durante o período de presentación do Imposto de Sociedades, ata o 25 de xullo, e está actualmente dispoñible en dous modelos do devandito imposto: o 200 e o 220. Aparece incluída no apartado ’outros caracteres – fins sociais’, concretamente, na casa 00073 (dentro do modelo 200) ou ben na 069 (no modelo 220).  

Marcar o recadro Empresa Solidaria supón unha decisión sinxela e eficaz, con custe cero para as empresas, coa que teñen a oportunidade de apoiar ao Terceiro Sector e implicarse directamente na construción dunha sociedade mais xusta e inclusiva, que beneficia, tanto ao tecido empresarial como á sociedade en si mesma.  Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias