REDACCIÓN | Por cuarta vez o Parlamento galego inicia a tramitación legal para pedir ao Goberno do Estado a transferencia da AP9, unha vía estratéxica para Galiza que a día de hoxe debería ser gratuíta, pero que as sucesivas ampliacións das concesións por parte do PP e do PSOE obrigan aos galegos e galegas a seguir pagando a estafa das peaxes até 2048.
“Fai exactamente 24 días, dez horas e nove minutos que a AP9 debería ser gratuíta”, arrancou a súa intervención en Pleno a portavoz nacional, Ana Pontón, “pero as barreiras das peaxes seguen baixadas porque o Partido Popular decidiu regalarlle a AUDASA 25 anos de concesión que se suman aos dez anos de prórroga que previamente tivo a ben conceder o Partido Socialista”, argumentou.
A líder do BNG subliñou que a historia desta autoestrada é a crónica “dunha gran discriminación a Galiza da man do tándem PP-PSOE”, que converte a AP9 na única da súa xeración que ten a concesión máxima legal de 75 anos, mentres que as demais son gratuítas ou o serán moi pronto. “De feito, mentres en Galiza seguimos pagando relixiosamente, usuarios e usuarias de Andalucía, Valencia, Cataluña ou Euskadi circulan por autoestradas libres de peaxes que foron construídas ao mesmo tempo que a AP9”, recalcou.
“Nada disto é froito da fatalidade, nin pasou por casualidade senón que é o resultado de decisións políticas en contra de Galiza tomadas polo Estado, tanto con gobernos do Partido Popular como con gobernos do Partido Socialista, que non só consentiron senón que foron cómplices dunha discriminación que é un saqueo de miles de millóns de euros a través dunhas prórrogas que até a Comisión Europea declarou ilegais”, argumentou.
Na “folla de servizos” das forzas estatais non só está a ampliación das concesións e a privatización a prezo de saldo desta vía estratéxica, senón o boicot deliberado de PP e PSOE á transferencia, boicot que converteu en papel mollado as dúas leis aprobadas polo Parlamento e que obriga a que por cuarta vez a Cámara galega teña que volver a facer o mesmo traballo lexislativo.
“A luz dos feitos, declarou Pontón, é evidente que a estafa da AP9 non acabará até que Galiza teña unha presidenta coas man libres para poñer a xente do común por riba da cobiza dunha multinacional, queda claro que só imos conseguir unha AP9 galega e libre de peaxes cando Galiza teña unha presidenta coas mans libres para defender os intereses da xente, goberne quen goberne en Madrid, porque este País precisa unha presidenta que o defenda e non que o defraude”, proclamou Pontón, recalcando que ese será un dos seus obxectivos se obtén a confianza da cidadanía para liderar o próximo goberno da Xunta.
Durante a súa intervención para defender a proposición de lei do BNG, a portavoz nacional destacou que a AP-9 está máis que amortizada, cunha recadación que ronda os 3.400 M€ desde a súa apertura e hoxe é un filón para Itínere, actual propietaria. En 2022 recadou 171,8 M€, -unha media de 471.000 euros diarios-, e no primeiro semestre deste ano, o beneficio neto foi un 68% máis alto que no pasado exercicio.
Madrid sí, Galicia non
“As tarifas son un auténtico maná para os fondos voitre propietarios dunha infraestrutura clave, pero unha pesadísima carga para miles de galegos e de galegas e lastran a competitividade das empresas”, criticou, tras insistir nunha AP9 galega e libre de peaxes. “Por que as radiais madrileñas si se poden rescatar con miles de millóns de euros, nunha operación bendicida polo PP e polo PSOE, e a AP-9 non?”, interpelou.
Fronte aos intentos das forzas estatais de “reescribir a historia” para borrar o seu “papelón” na discriminación a Galiza coa AP9, Pontón contrapuxo o traballo do BNG que xa en 2014 reclamou no Parlamento a transferencia. “O resultado foi unha lei aprobada por unanimidade en 2016, cuxo debate no Congreso foi vetado por Ana Pastor e Mariano Rajoy desde a presidencia da Cámara baixa e desde Moncloa”.
29 meses mareando a perdiz
Houbo que esperar até 2018 para que o Congreso aprobase a toma en consideración da lei galega, que decaeu coa convocatoria de eleccións tras meses durmindo o soño dos xustos. “Como Sísifo, unha vez máis Galiza tivo que subir a pedra a montaña, e en febreiro de 2021 o Congreso volveu aprobar a toma en consideración da transferencia da AP-9, que volveu quedar en papel mollado despois de que PP e PSOE estivesen mareando a perdiz durante dous anos e seis meses, que se di pronto”, criticou.
“Ao longo de máis de catro décadas o único respiro para as persoas usuarias foi a rebaixa histórica nas tarifas conseguida polo Bloque no acordo de investidura, non é suficiente, desde logo, pero foi unha axuda importante para moitas persoas”, recalcou Pontón. “Levamos moito tempo traballando contra vento e marea e quero dicir con todo o orgullo que sen o empeño do BNG non existiría a máis mínima posibilidade de lograr unha AP-9 galega e libre de peaxes. Nin sequera existiría o debate, é así de claro”, concluíu a líder nacionalista. Departamento de comunicación