REDACCIÓN | O visor cartográfico en liña 'A paisaxe galega desde a bicicleta' -foi desenvolvida pola Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda-, que inclúe 52 rutas con máis de 2.300 quilómetros a través das catro provincias galegas coa práctica do ciclismo. Sen dúbida trátase dunha actividade saudable que emprega o medio ecolóxico por excelencia (con cero emisións) e que supón, ademais, unha proposta turística sostible.
Ademais, este visor permite planificar itinerarios, xa que ofrece alternativas para diferentes niveis de dificultade co obxectivo de que moitos percorridos. O certo é que cada percorrido conta con fichas descargables cos datos máis importantes como fotografías, mapas, perfís do terreo e, por suposto, a situación dos miradoiros e dos lugares de maior interese paisaxístico. E para facilitar aínda máis a planificación da ruta, permite gardar o percorrido en formatos como reloxos intelixentes, GPS ou móbiles así como a posibilidade de utilizar a plataforma Wikiloc, gratuíta e cun uso moi estendido ao contar con 10 millóns de usuarios.
Unha guía elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) (en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo) co obxectivo de ofrecer unha experiencia turística e de ocio diferenciadora para descubrir as nosas paisaxes e uns percorridos cos que poder coñecer desde a bicicleta todo o que ofrece Galicia. Esta ferramenta é un bo exemplo de como combinar o deporte, a conservación do patrimonio natural e a posta en valor do territorio.
Desde a posta en marcha desta iniciativa está a verse un gran interese por esta alternativa de lecer sostible, integrador e saudable, que, ademais, contribúe a diminuír a circulación do tráfico de vehículos e, polo tanto, as emisións de dióxido de carbono contribuíndo, deste xeito, á mitigación dos efectos do cambio climático.