REDACCIÓN | A Xunta duplicou o orzamento inicial das liñas de axudas dirixidas a proxectos de autoconsumo eléctrico e almacenamento con enerxías renovables: supera os 60 millóns de euros.
Axudas que proceden dos fondos europeos e incluídas no Plan de Recuperación (son de concorrencia non competitiva), e o prazo permanecerá aberto ata o 31 de decembro de 2023. O Inega xa concedeu 3.270 axudas para enerxía fotovoltaica por un importe de 34,8 millóns de euros: inclúense varias liñas dirixidas a fomentar o autoconsumo e almacenamento enerxético en empresas, por unha parte, e en fogares, administracións públicas e entidades sen ánimo de lucro, por outra.
Empresas
En canto á liña para empresas, poden ser beneficiarios destas axudas os negocios incluíndo as de servizos enerxéticos, os xestores de polígonos industriais, as persoas xurídicas ou agrupacións de empresas que realicen actividades económicas, as entidades sen ánimo de lucro que realicen actividades económicas e comunidades enerxéticas locais. Ademais, contarán cunha porcentaxe que oscilará do 15 ou 65% en función do tamaño da empresa, do proxecto e da tecnoloxía.
Doutra banda, unha segunda liña destinada a particulares, autónomos, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas. Neste caso a intensidade de axuda varía en función da instalación: agárdase un aforro anual na factura enerxética de ao redor de 5 millóns de euros.
E é que a Xunta segue comprometida co impulso dunha Comunidade galega máis verde, fomentando o uso de enerxías renovables entre todo tipo de usuarios -fogares, empresas e administracións- co obxectivo de avanzar na transición ecolóxica. Estes apoios contribuirán á redución dos custos enerxéticos dos beneficiarios, nun momento de continua escalada de prezos na factura da luz que teñen que pagar familias e empresas; ademais da creación de emprego, a reactivación económica e a mellora ambiental que repercute na calidade de vida dos cidadáns.
Unha Galicia neutra en carbono no 2050
As axudas responden á aposta do Goberno galego por apoiar o desenvolvemento das enerxías renovables en todos os ámbitos da Comunidade, así como impulsar o autoconsumo, obxectivos recollidos na Axenda Enerxética de Galicia 2030.
Con esta folla de ruta preténdese camiñar cara a unha Galicia neutra en carbono no 2050, diminuíndo a dependencia enerxética do exterior, descarbonizando os sectores económicos e sociais, posicionando Galicia como un polo enerxético innovador e apostando por unha industria eficiente e sostible ademais de axudar ás familias con medidas que favorezan o aforro e a eficiencia enerxética á vez que se promoven aforros económicos nas facturas enerxéticas.
Para conseguir todos estes obxectivos, a Axenda fixa 56 medidas concretas ao redor de sete eixes de actuación. O primeiro céntrase no desenvolvemento de enerxías renovables. Así buscarase un incremento desta tecnoloxía aproveitando os recursos enerxéticos locais, así como impulsando o almacenamento e o autoconsumo.