REDACCIÓN | A través dunha pregunta parlamentar, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, traslada á Comisión Europea os problemas do transporte público que desde hai semanas se producen en Galiza. Así, dá conta das dificultades que atopan os usuarios de trens e autobuses (dos que a propia Miranda fai uso habitualmente), como a falta de prazas, a necesidade de planificar con moita antelación a compra de billetes, a falta de frecuencias, así como os continuos atrasos.
Na propia pregunta a eurodeputada nacionalista denuncia que todas as semanas se poden ver nas estacións ducias de viaxeiros que non poden facer uso deste transporte ferroviario ou de autobús, tal e como Ana Miranda ten sinalado en redes sociais. Ao seu xuízo trátase dunha “situación moi grave que complica a vida de traballadores e estudantes á hora de dirixirse a cumprir coas súas tarefas laborais ou académicos”.
Fondos insuficientes
Sen cuestionar a necesidade de potenciar o uso do transporte público, a eurodeputada do Bloque si pon en dúbida a xestión da gratuidade das viaxes sen contar coa infraestrutura acaida para dar resposta á demanda. “É imprescindible o aumento de prazas para que ninguén quede en terra”, salienta Miranda, quen considera imprescindible realizar un estudo sobre o “desequilibrio evidente” entre a oferta e a demanda existentes.
“Europa está fomentando o transporte sostible e accesible pero non se están achegando os fondos suficientes a través dos fondos europeos nin a Xunta nin o goberno do Estado están cumprindo”, indica a eurodeputada do Bloque, quen critica a complicidade da Xunta coa empresa concesionaria Mombús. “Non pode ser que o goberno galego mire para outro lado”, manifesta. Departamento de comunicación