A CORUÑA | O XVII Premio "Raíña Lupa" de literatura infantil e xuvenil convocado pola Deputación da Coruña xa ten gañador: o escritor cangués Rafael Fernández Lorenzo coa obra "As pedras verdes", unha novela que conta a conquista de América desde un punto de vista pouco habitual cun relato no que a violencia, a vulnerabilidade e o medo son tamén temas centrais.
O xurado, presidido pola deputada de Cultura, Natividade González, estivo composto por autoras e autores cunha recoñecida traxectoria na creación literaria en lingua galega como Tamara Andrés, Elvira Ribeiro, Miguel López (El Hematocrítico), Arancha Nogueira e o gañador da última edición, Lois Pérez e, como secretaria, a xefa do servizo de Cultura, Mercedes Fernández-Albalat.
O xurado tamén salientou da obra premiada o tratamento da diversidade lingüística e a creación dun mundo fantástico propio para achegar ao lector unha cultura indíxena de ultramar a través dun exercicio literario moi evocador.
Rafael Fernández Lorenzo é escritor e colabora en diversos medios con artigos de creación e crítica literaria. A súa obra está traducida ao éuscaro, portugués, catalá e castelán. O premio que acaba de recibir está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra.
25 anos do Raíña Lupa
O premio de literatura infantil e xuvenil convocado pola Deputación da Coruña naceu en 1998, ha vintecinco anos, e tivo como primeiro gañador a un dos referetes da LIX en Galicia e no resto do Estado: Agustín Fernández Paz. Desde entón ata hoxe, gañaron o Raíña Lupa autores e autoras de referencia para os lectores máis novos como Andrea Maceiras, Xosé A. Neira Cruz, Marilar Aleixandre, Marcos Calveiro, Héctor Cajaraville ou An Alfaya. Departamento de comunicación