Sociedad
Alejandro e Lucía son, non obstante, os que máis abundan
25-06-2007
Brais e Uxía son as formas patrimoniais galegas polas que optan maioritariamente os pais á hora de buscar nome para os seus fillos. Segundo un informe do Instituto Nacional de Estatística elaborado no 2005, a predilección por Uxía aumentou de xeito considerable nos últimos dez anos, pasando de ocupar o posto número 44 na década dos 40 a un nada despreciable número 15. Pola súa banda, Brais ocupaba o posto número 15 en Galicia nos nacidos no 2002 e pasou ao posto 13 no 2005.
Moitos dos nomes galegos que están tendo unha gran aceptación nos últimos anos son formas tradicionais como Antón, Alberte, Mariña, Xosé ou Carme. Outros proceden do redescubrimento dos nomes da nosa Idade Media. Neste campo destacan Andara, Roi, Paio ou Ximena.
Nos últimos tempos vense rexistrando un número considerable de nomes que proceden de formas familiares, como Catuxa, Sabela, Maruxa, Xela ou Xandra. Na actualidade, existe unha tendencia a empregar topónimos de Galicia como nomes de persoa. Exemplos disto son Flavia, Aldán, Irima ou Antela.
Con todo, os nomes preferidos polos pais galegos seguen a ser aqueles que teñen formas coincidentes co español. Isto é debido fundamentalmete á castelanización dos nomes en Galicia que se ven producindo dende o século XVII. Deste xeito, na comunidade autónoma non se aprecia unha grande diferencia con respecto ao resto das que teñen o idioma español como único oficial.
No primeiro posto de nomes máis usados atópanse Alejandro e Lucía que son tamén os nomes preferidos polos pais da meirande parte das comunidades autónomas españolas para os seus fillos. Segundo o INE tres de cada cen rapaces nacidos en España no 2005 recibiu o nome de Alejandro e o 4.5% das rapazas foron inscritas como María.
As principais diferencias con respecto á media española atópanse en comunidades con lingua propia como o País Vasco ou Cataluña. O caso máis extremo é o vasco, no que os dez nomes máis frecuentes de rapaces e os oito primeiros en rapazas son nomes vascos. O caso catalán tamén chama a atención, nesta comunidade os primeiros postos masculinos son para Marc, Alex, Pau y Pol, en tanto que os femininos encabezaos Paula, por diante de Carla e Laia.
www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias