REDACCIÓN | A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, reivindicou hoxe en Barcelona o papel transcendental que deben ter as administracións locais como axentes transformadores nos distintos procesos de transición ecolóxica, desenvolvemento económico e igualdade de xénero que Europa, o Caribe e América Latina deben afrontar para superar con éxito os retos socias do futuro. “Temos unha gran cantidade de experiencia para achegar a esta mesa. Os gobernos locais fortes, empoderados e ben dotados de recursos xeran países e asociacións rexionais sólidas e dinámicas que poñen ás persoas no centro do desenvolvemento”, sinalou a rexedora no Foro de Gobernos Locais da Unión Europea e da Comunidade de Estados de Latinoamérica e Caribe celebrado na capital catalana.
Ante decenas de actores sociais, colectivos vinculados coa cooperación internacional e mandatarios de todas estas rexións, Méndez describiu ás prácticas que está a desenvolver Lugo para acadar estas metas. A alcaldesa afondou no impulso económico a través de iniciativas como o fondo inversor Lugo Transforma para reter e atraer talento e crear emprego de calidade, do traballo do CEI Nodus, para o apoio aos emprendedores, e sobre as iniciativas vinculadas ao deseño das cidades sostibles do futuro no que o municipio lucense é xa un referente europeo. Tamén destacou os programas de igualdade postos en marcha polo Concello e o cambio de paradigma na xestión municipal coa incorporación da perspectiva de xénero de forma transversal a todas as políticas locais acometidos polo seu executivo.
“Sen a presenza e a actuación firme dos gobernos locais, será imposible afrontar os retos da nosa época, xa que somos actores claves no recoñecemento dos problemas, pola proximidade coa realidade da veciñanza, e na calibración do éxito dos programas implementados, pola nosa capacidade para avalialos en cada un dos noso territorios”, sinalou. “Un exemplo claro foi o papel que xogamos e estamos a xogar durante e despois da pandemia, porque o cambio global comeza no local”, concluíu a rexedora lucense.
Así mesmo, Méndez, que compartiu mesa con dirixentes de países como Arxentina, Cuba ou Guatemala, destacou durante a súa intervención que “a loita contra o cambio climático empeza polas transformacións nas que estamos a traballar xa as administracións locais, e mesmo o cambio cara a unha economía circular, onde moitos concellos estamos a asentar as bases para o seu desenvolvemento”.Ademais, destacou a importancia da igualdade nos liderados e na toma de decisións dentro das administracións para garantir o éxito do proceso de transformación que se está a levar a cabo no continente e reivindicou o mesmo papel para as mulleres noutras rexións do planeta.
Este encontro de Alto Nivel Europeo dá continuidade ao Cume de Xefes de Estado celebrado os pasados 17 e 18 de xullo en Bruxelas, onde se recoñeceu o papel estratéxico dos gobernos locais neste proceso de transformación. A próxima cita do cume UE-ALC terá lugar en Colombia ao longo de 2025. Departamento de comunicación