REDACCIÓN | A área de Turismo da Deputación levará a Valladolid a súa marca gastronómica e turística “A provincia que sabe”, onde participará na Feira Internacional de Turismo de Interior INTUR dende este xoves ata o domingo. Alí estará promocionando a riqueza turística e gastronómica da provincia nun stand no que ofrecerá información de diferentes destinos, así como showcookings e degustacións durante os tres días de feira.
“O interior da provincia da Coruña é un gran descoñecido, e exhibirémolo nesta feira, na que se poderán coñecer algúns dos nosos atractivos como o concello de Arzúa, o Camiño Inglés ou as Mariñas Coruñesas – Reserva de Biosfera” sinala o vicepresidente da Deputación e deputado de turismo, Xosé Regueira. “E, como para nós, turismo e gastronomía van da man, participamos en INTUR cunha programación que aúna ambas temáticas” engade.
Exhibindo o noso interior
O stand da Deputación contará con diferentes mostradores institucionais nos que se ofrece información sobre algúns dos destinos de interior máis atractivos da provincia. Así, entidades como o Concello de Arzúa, Mariñas Coruñesas Reserva de Biosfera, Asociación de concellos do Camiño Inglés e a propia Deputación da Coruña estarán exhibindo os seus potenciais turísticos.
Saboreando a provincia
Ademais, haberá diferentes showcookings durante os tres días en dous pases: ao mediodía e pola tarde. O primeiro día, adicado ao xeodestino Ulla – Tambre – Mandeo, a cociñeira Concha Casares de “Casa Alongos de Melide” preparará carne ó caldeiro e tostas de nabiza con queixo de Arzúa – Ulloa e chourizo de porco celta “celtagal”. O sábado 18 centrarase na Costa da Morte, e Óscar Freire, de “A Marina de Camariñas” cociñará mexillóns da ría de Camariñas – Muxía cocidos con auga de mar e allada en crudo, e polbo de Camariñas sobre crema de patacas de Coristanco. E, para rematar, o domingo o xeodestino de Terras de Santiago estará representado por Brigida Hermida da xeadería Xearte Brigitte, que elaborará xeado de queixo de Arzúa con melindres de melide e licor café, filloa de Lestedo con xeado de mel das Fragas do Eume e noces, e Terra de pan de Carral con Xeado de chocolate amargo e aceite de oliva galego.
Ademais, tódolos días de 12:00 a 16:00 horas ofrecerase unha degustación de café arábica 100% natural a cargo de Cafés Aruba da Coruña. Dende turismo da Deputación, convidan a todos os asistentes a “visitar o noso stand para coñecer o interior da provincia da Coruña, e saborear algúns dos xeodestinos da man de chefs de primeiro nivel” sinala Regueira. Departamento de comunicación