REDACCIÓN | Na semana do aniversario do Prestige, -que asolagou de chapapote as costas galegas-, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, acadou a aprobación dunha emenda ao informe sobre contaminación mariña que implica a publicación dos datos disgregados por data e Estado Membro sobre os vertidos detectados mediante o sistema CleanSeaNet. “É imprescindible avanzar na lexislación para evitar outro Prestige”, subliña.
Este informe supón a modificación da Directiva 2005/35/CE relativa á contaminación procedente de buques e a introdución de sancións, incluídas sancións penais, para as infraccións de contaminación. “Cando o ano pasado organizamos no Parlamento Europeo a conferencia sobre a seguridade marítima 20 anos despois da catástrofe do Prestige, defendimos que era necesario revisar a aplicación da normativa europea de seguridade marítima”, lembra Miranda, quen considera que a aprobación da emenda presentada polo Bloque recolle a demanda realizada polo colectivo Nunca Máis nesta liña.
“Preocupábamos a falta de transparencia informativa referida aos vertidos dos buques”, sinala a eurodeputada do BNG, quen que CleanSeaNet (CSN) é un sistema da Axencia de Seguridade Marítima Europea (EMSA) que comezou a funcionar en 2007 que monitoriza por satélite os buques e detecta e vixía vertidos mariños en augas europeas, de forma que permite a localización, seguimento e identificación do buque responsable do vertido.
Información completa
“Temos a infraestrutura técnica para monitorizar os buques, temos o sistema para detectar os vertidos, e temos a capacidade de determinar que tipo de vertido se produciu, polo que é preciso contar cun informe anual completo que inclúa estes datos clasificada por estado”, manifesta a eurodeputada do Bloque.
Precisamente na conferencia organizada polo BNG o pasado ano na que se abordaron as consecuencias da catástrofe do Prestige, por parte da Axencia de Seguridade Marítima Europea participou o Xefe da Unidade de Sustentabilidade do Departamento de Sustentabilidade e Asistencia Técnica, Frederic Hebert. “Podemos dicir que desde a conferencia do pasado ano, demos un paso máis na seguridade marítima europea”, sinalou Ana Miranda. Departamento de comunicación