El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación colabora co Concello de Ames para impulsar a posta en marcha comunidades enerxéticas

22-11-2023 16:09:43
Valentín González Formoso (5d).

REDACCIÓN | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe en Ames nunha das mesas redondas do foro “Comunidades enerxéticas: un paso máis cara o autoconsumo”, no que distintos expertos analizaron, tanto desde un punto de vista técnico como político, as oportunidades da transición ecolóxica e a extensión das comunidades enerxéticas como forma de abaratar o prezo da enerxía. 

Formoso destacou que “o incremento da factura eléctrica en máis dun 100% desde 2004 supón un problema para familias e empresas, pero tamén para os concellos” e puxo en valor “o enorme potencial de Galicia no ámbito da produción de enerxías verdes, que é un dos eixos estratéxicos das políticas da UE”. 

O presidente avogou por “facer pedagoxia ante a sociedade”, explicando as vantaxes e oportunidades asociadas á transición enerxética, como a creación de emprego e o abaratamento da factura eléctrica, e xunto cos alcaldes de Begonte e A Illa de Arousa, que desenvolven proxectos destas características nos seus concellos, incidiu na necesidade de “diminuír os trámites burocráticos” da administración. 

O presidente provincial sinalou que a Deputación da Coruña pon a disposición dos concellos e da cidadanía a Oficina Provincial para a Transición Enerxética, onde se ofrece asesoramento enerxético á cidadanía, ás empresas e ás administracións para xestionar diversos trámites e promover accións formativas, proxectos europeos e programas destinados a mellorar o sector enerxético e favorecer a loita contra a pobreza enerxética. 

Destacou tamén que a posta en marcha da Oficina Next Deputación, que ofrece apoio e asistencia técnica aos 93 Concellos da provincia para a captación de fondos Next Generation UE. A oficina ten a súa sede na Capela, un concello rural de apenas 1.300 habitantes e desde alí “ofrecemos apoio técnico aos concellos para que podan optar a fondos de convocatorias europeas, boa parte delas destinadas a promover a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a dixitalización”, afirmou. “Un modelo pioneiro que comezamos na provincia da Coruña e que o Goberno de España quere estender agora a outras comunidades”. 


Apoio á OTC de Ames 

Formoso destacou o apoio que a Deputación da Coruña prestará á Oficina de Transformación Comunitaria (OTC) do Concello de Ames vai máis alá de participar no financiamento do proxecto e constitúe “unha aposta por un modelo transición enerxética que vai a definir o futuro da provincia”. 

En vindeiras datas a Deputación da Coruña vai dispoñer dun equipo de traballo no Concello de Ames para fomentar a participación da administración local e da cidadanía na transición enerxética, apoiando as iniciativas creadas a nivel local e deste xeito poñer en marcha comunidades enerxéticas. 

As comunidades enerxéticas na actualidade sitúanse como alternativas de procesos participativos, incorporando mecanismos de escoita activa e ferramentas de colaboración cidadá e innovación social, brindando unha oportunidade única para transformar o mercado enerxético, facéndoo máis resiliente e satisfacendo as necesidades da cidadanía, do tecido produtivo e da propia administración. 

Estas organizacións tamén teñen impacto na xeración de emprego en empresas instaladoras locais e permiten que as empresas socias sexan máis competitivas por reducir costes. Por outro lado, as familias socias van a ver reducida a súa factura enerxética e polo tanto van a dispoñer de máis presuposto para gastar nos negocios do territorio. Todo isto facilita a fixación de persoas no rural da provincia e permite crear unhas comunidades máis sostibles económica e socialmente. 

O proxecto no que colaboran a Deputación da Coruña e o concello de Ames ten que sentar as bases dun modelo replicable en diferentes partes do territorio para lograr a transición enerxética que se merece a provincia. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias