El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Deportes

CICLISMO | LA VUELTA 2024

José Tomé: "A cidade de Lugo e Os Ancares serán protagonistas o 30 de agosto"

19-12-2023 21:28:10
José Tomé (i), presidente da Deputación de Lugo.

REDACCIÓN | O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, subliñou este martes que a cidade de Lugo e Os Ancares serán protagonistas na 13ª etapa de La Vuelta 2024 o 30 de agosto, cun percorrido de 171 quilómetros e cualificado como de montaña. Fíxoo na presentación oficial da 79ª edición da proba, celebrada esta tarde en Madrid, onde puxo en valor que a competición volve a discorrer pola provincia grazas ás xestións da institución provincial, que aportará 40.000 euros a través dun contrato de patrocinio coa entidade organizadora, Unipublic.  

A capital lucense é o punto de partida da etapa, que pasará por Baralla, Alto Campo de Arbre, Alto do Portel, Villafranca del Bierzo, Ponferrada, Porto de Lumeras, Tejedo de Ancares e Porto de Ancares. Unha etapa con importantes puntos de ascenso, tendo en conta que a subida final a Porto de Ancares terá 7,7 quilómetros ao 9% e ramplas do 15%, e os últimos 5 quilómetros a unha media do 12%. 

O mandatario provincial amosou a súa satisfacción por esta importante nova para o conxunto da provincia porque o paso de La Vuelta, segundo destacou, “terá un retorno enorme para a provincia en termos económicos e de promoción a nivel nacional e internacional, tanto a curto como a medio prazo”. 

Nesta gala á que asistiu Tomé Roca desveláronse as localidades e as datas polas que transitarán as 21 etapas da proba no 2024, que arrancará o 17 de agosto en Lisboa e rematará en Madrid o 8 de setembro. “O obxectivo que motivou á Deputación para volver a colaborar coa organización de La Vuelta para o seu paso pola provincia forma parte da nosa estratexia para impulsar o desenvolvemento social e económico, neste caso coa promoción do territorio a través do turismo”.  


Unha proxección internacional “incalculable” 

Apostar por La Vuelta a España, destaca o Presidente, “supón un investimento en proxección nacional e internacional e en promoción turística dun valor literalmente incalculable. Situada na elite do ciclismo mundial, co Giro de Italia e o Tour de Francia como compañeiras, esta cita é seguida por un público de máis de 400 millóns de persoas nuns 190 países”, indica, ao tempo que engade que “un grao de exposición mundial  así sería imposible de alcanzar doutro modo”. 

“O noso empeño céntrase en dar a coñecer a nosa provincia, e así o evidenciamos con esta colaboración e tamén con outros apoios a competicións deportivas de primeiro nivel, a producións audiovisuais e a eventos musicais, ademais da presenza en feiras do sector, como Fitur, Xantar ou Fairway”, subliña o mandatario provincial. 

Explica que para unha provincia coma Lugo, que acolle catro rutas diferentes do Camiño de Santiago; que conta con catro Reservas da Biosfera e con seis Patrimonios da Humanidade, aos que aspira incorporarse a Ribeira Sacra; e que entrou na Ruta Transrománica do Consello de Europa grazas á Deputación, estar presente nun acontecemento como La Vuelta “resulta fundamental”. 

“Esta proba é unha das mellores formas de levar ao plano internacional a nosa oferta turística, e a nosa aposta por un modelo de turismo de calidade, non masificado, sostible, de experiencias, e respectuoso co medio ambiente, tal e como demanda a sociedade”. Ademais do retorno que xera a medio prazo en proxección e visitas, José Tomé lembra que La Vuelta mobiliza a unhas 3.000 persoas, “o que contribúe, de xeito directo, a incrementar a actividade na hostalería, no turismo e no comercio local”.  


La Vuelta en datos 

La Vuelta Ciclista a España é seguida anualmente en 190 países, que chegan a unha audiencia real de 400 millóns de espectadores. A meirande parte dos seguidores están localizados en países de Europa, como Francia, Bélxica, Italia ou Noruega, entre outros, pero tamén están presentes en todo o arco americano, cunha grande audiencia en Colombia, e en Asia, con presencia en países como Xapón.  

No ano 2021, La Vuelta discorreu pola provincia na etapa 19, entre Tapia e Monforte de Lemos. Foron 187,8 quilómetros, deles 139 por 12 concellos lucenses, e estivo considerada de media montaña. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias