El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Formoso: "Ribeira está vendo como se perden iniciativas empresariais"

21-12-2023 17:30:21
Valentín González Formoso (2i).

REDACCIÓN | O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, esixiu hoxe á Xunta de Galicia que asuma o mesmo nivel de compromiso que a Deputación e Concello de Ribeira teñen para impulsar a posta en marcha do novo Polígono Industrial de Ribeira. 

“Ribeira está vendo como se perden iniciativas empresariais que queren ubicarse aquí e que non poden por falta de chan industrial. Na Deputación imos achegar o noso grao de area para que o polígono sexa unha realidade porque o emprego é o prinicipal, o que mantén a poboación”. 

Formoso considerou que “máis importante que anunciar concertos en Santiago é poñerse a traballar no que realmente é importante: que Ribeira dispoña de chan industrial para favorecer o crecemento económico desta cidade e da súa comarca, afirmou. 

“Ribeira ten dereito a crecer como cidade e nós imos a colaborar con iso”, afirmou Formoso que anunciou que a Deputación acometerá as obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP-7310,  vía que servirá de enlace entre a autovía e o  futuro polígono industrial da localidade. 

Explicou que é unha actuación que se redactará a principios de 2024 e cuxo custe se incorporará ao orzamento provincial. “Vimos de reunirnos coa Asociación de Empresarios de Ribeira, que teñen comprobado como moitos empresarios marchan cara outras localidades por falta de chan industrial. Por iso imos a axudar a impulsar co concello unha plataforma industrial que permita que os empresarios non se teñan que marchar e podan crear emprego aquí. Este é  o noso obxectivo principal, porque sen chan industrial non falaremos de servizos, cultura ou deportes, porque sen traballo non hai riqueza”. 

Formoso explicou que “estamos a falar dun investimento relevante nesta conexión viaria, pero en calquera caso, é un investimento estratéxico que posibilitará o crecemento futuro de Ribeira, que ten dereito a medrar. Por iso nós priorizamos este tipo de infraestruturas”, sentenciou. 

O presidente explicou que se trata dunha obra moi demandada polo tecido empresarial e moi necesaria por mor do aumento previsto do tráfico particular e industrial que provocará o desenvolvemento do novo polígono. Entende que será necesario ampliar la plataforma da estrada ata os oito ou nove metros de ancho. Actualmente a vía que vai desde Palmeira á Cruz de Moldes ten unha lonxitude de case dous quilómetros e un ancho medio de plataforma de seis metros, con dous carrís de tres metros en cada sentido, insuficiente para o paso de vehículos pesados.  

O alcalde de Ribeira botou tamén en falta o compromiso da Xunta co polígono. “Ribeira leva 32 anos sen crear un solo metro de chan industrial e temos que dicir que só hai dúas administracións comprometidas co novo polígono: o Concello e a Deputación, que asumiu hoxe a mellora da estrada que permitirá chegar ata ese polígono. Gustaríame que a outras  administracións tivesen o mesmo compromiso para que Ribeira non teña que afrontar en solitario os 13 millóns de euros que custará este proxecto”, apuntou o rexedor. 

“O presidente asumiu o compromiso coa obra de conexión co futuro polígono, obra que imos a aprobar hoxe mesmo en pleno. É unha noticia moi relevante para todos os veciños e veciñas de Ribeira e sobre todo para as empresas que queren ampliar as súas instalacións e crear máis postos de traballo”, subliñou Luís Antonio Pérez. 


Preto de 20 millóns investidos e 109 obras da Deputación en Ribeira 

Por outra banda, tras a reunión co equipo de goberno de Ribeira, liderado polo alcalde Luis Antonio Pérez Barral, o presidente da Deputación anunciou o seu compromiso para realizar as obras necesarias para completar a mellora da rúa Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño, unha importante demanda veciñal. Formoso apuntou que esta actuación completará a renovación que se fixo, dotando á estrada de nova pavimentación e a subsanando partes da obra que foron mal executadas. 

“É un dos proxectos que a Deputación financia aquí en Ribeira, e quero lembrar que levamos investidos 19,8 millóns de euros en preto de 109 obras de mellora dos servizos, rúas, edificios ou equipamentos. En definitiva, actuacións que cambian a vida os veciños e veciñas. Esa é a formula da Deputación, cada vez con máis fondos”, destacou. 

O presidente lembrou a importancia do investimento nos concellos coruñeses como revulsivo económico en toda a provincia. Destacou o éxito do Plan Único (POS+), con 549 millóns de euros de investimento e 3.920 obras executadas nos últimos anos. No 2024, o orzamento inicial incrementarase nun 10% ata os 50,5 millóns de euros.


Nova grada cuberta no campo da Fieiteira  

Por outra banda, Valentín González Formoso e Luís Antonio Pérez Barral visitaron o campo de fútbol da Fieiteira, onde nos vindeiros días comezarán as obras de construción da nova grada cuberta, financiadas pola Deputación con 247.483 euros do Plan Único, e que permitirá o resgardo e abrigo dos asistentes aos eventos deportivos que acolle o campo municipal.  

Para elo construirase unha bancada de 30 metros de lonxitude, prefabricada de formigón practicamente na súa totalidade, formada por catro filas de bancadas en forma de “L” de 80 centímetros de fondo e 45 centímetros de altura que se apoian en vigas zancas separadas seis metros, apoiadas sobre piares encaixados nas zapatas cun sistema de cáliz. O perímetro resultante entre os piares da estrutura pechouse cun bloque de formigón gris. Contará con dúas portas nas paredes laterais da bancada para permitir o acceso e o aproveitamento do espazo xerado baixo o mesmo. Por último, instalarase unha varanda na primeira fila da bancada e asentos con respaldo.  

O alcalde agradeceu a visita Valentín González Formoso e o seu compromiso co Concello de Ribeira. “O presidente mostrouse moi comprensivo ante as demandas dos veciños e veciñas. Proba disto é a boa sintonía existente entre dúas administracións en moitos proxectos que redundan en beneficio da cidadanía”. 

O alcalde tamén agradeceu os investimentos da Deputación para as obras e servizos do Concello. “A mellora dos servizos públicos como o pavimento na rúa Francisco Lorenzo Mariño de Aguiño  é unha actuación moi demandada e o presidente entendeuno e por iso é unha gran noticia”. “Quero lembrar que o Plan Único, que se reparte con criterios transparentes e obxectivos, a Ribeira suponlle 1,5 millóns de euros cada ano para mellorar os nosos servizos e equipamentos”, afirmou. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias