REDACCIÓN | A Deputación da Coruña vén de publicar as bases dunha nova liña de axudas destinadas a apoiar á frota de cerco da provincia dependente das capturas do xurelo. As axudas, cun orzamento de 684.000 euros, busca apoiar a un sector fundamental da economía coruñesa, como é o da pesca artesanal, e en concreto ás embarcacións especialmente afectadas polas restricións nas capturas e os paros na pesquería do xurelo, tras a redución por parte da Unión Europea dun 78% das cotas de pesca desta especie durante 2023, que só pode capturarse como pesca accesoria.
Con estas axudas, a Deputación da Coruña cumpre o compromiso anunciado o pasado mes de marzo de apoiar á flota pesqueira da provincia afectada polo peche da pesquería do xurelo, tras a reunión que mantivo o presidente, Valentín González Formoso, con representantes da Federación Galega e Provincial de Confrarías de Pescadores, Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA), Asociación de Cerqueiros Galegos, Cooperativa de Armadores de Ribeira e Asociación de Armadores de Artes Menores de Galicia (ASOAR-ARMEGA).
“O 62% da frota de cerco galega ten o seu porto base na provincia da Coruña e ante os graves problemas que atravesou este ano o sector debido ao peche na pesquería dunha especie fundamental para o cerco coruñés como é o xurelo, a Deputación quere estar ao seu carón e apoiar a viabilidade da nosa frota, que sostén un número importante de empregos directos e indirectos”, afirmou o presidente, Valentín González Formoso.
Formoso reclamou á Xunta de Galicia, que ten as competencia en materia de pesca, que habilite tamén liñas de axudas para sectores que atravesan situacións complicadas como esta con fondos propios. “Sería inxustificable que a Deputación da Coruña, sen competencias en pesca, esté apoiando ao sector nun momento tan duro mentres a Xunta, cunha consellería únicamente para o sector do mar, orzamento e competencias permaneza de brazos cruzados”.
Ademais, o presidente subliñou que os orzamentos 2024 incrementan nun 29% as axudas que a Deputación da Coruña destina cada ano ás confrarías de pescadores da provincia, pasando de medio millón de euros a 661.000 euros.
Valentín González Formoso lembrou que nos últimos tres anos, a través de distintos plans PEL-Reactiva, a Deputación da Coruña leva concedidas máis de 5.000 axudas directas por importe de 21 millóns de euros aos sectores máis afectados pola pandemia e a alza dos combustibles, entre eles o propio sector pesqueiro, o agrogandeiro, o do transporte, a hostalaría, o pequeno comercio e incluso o sector das orquestras.
55 buques en 10 portos pesqueiros da provincia poden optar ás axudas
Poderán optar a estas axudas os/as armadores/as titulares de buques que levan a cabo a actividade pesqueira de cerco, dependentes da pesca de xurelo, con porto base na provincia da Coruña. Os buques especialmente dependentes da captura do xurelo, susceptibles de acceder a estas axudas, detállanse nunha resolución da Secretaría Xeral de Pesca publicada no BOE o pasado 10 de febreiro de 2023.
Segundo esta resolución, que dictamina os buques especialmente dependentes da pesca do xurelo (aqueles nos que o xurelo represente un 18% ou máis do total de capturas comercializadas durante os anos 2020, 2021 e 2022), un total de 55 embarcacións de dez portos pesqueiros da provincia poderán acceder ás axudas da Deputación: 13 en Camariñas e 13 en Malpica, os portos con maior flota dependente do xurelo, 8 en Sada, 7 en Portosín, 4 en Pontedeume, 3 na Coruña, 3 en Ares, 2 en Laxe, un en Cariño e un en Ribeira.
As axudas oscilarán entre os 2.500 e os 16.000 euros, en función do arqueo bruto de cada buque. Os gastos que se financian son gastos correntes do/a armador/a que resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento da actividade pesqueira.
O prazo para a presentación de solicitudes comezará o vindeiro mércores, 27 de decembro, tras a publicación da convocatoria no BOP do martes 26, e finalizará transcorridos dez días hábiles.
Unha vez máis, a Deputación da Coruña pon en marcha medidas para minimizar os efectos socioeconómicos desfavorables para o territorio, contribuíndo deste xeito á reactivación económica da provincia, sen deixar a ninguén atrás, neste caso impulsando axudas ante a urxente necesidade de apoiar ao noso sector pesqueiro, en concreto ao cerco, maioritario na provincia. As bases da convocatoria