REDACCIÓN | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, defendeu hoxe a rehabilitación como unha das dúas liñas básicas da política de vivenda. Foi durante a visita á Torre 6 do barrio coruñés de Monelos na compaña do delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, con motivo da adxudicación de 970.000 euros aos residentes para executar un amplo proxecto de rehabilitación e mellora enerxética no edificio.
Formoso asegurou que dende a institución provincial se comparten “completamente” as políticas do Goberno central “que teñen que ver, por unha parte, con mellorar as condicións das vivendas que xa existen e están habitadas, e por outra, con garantir o acceso unha vivenda digna para quen non a ten”. Dentro desas iniciativas, lembrou que o Estado transferiu 75 millóns de euros á Xunta de Galicia destinados ao bono de alugueiro social para mozos e mozas e outros 120 millóns para sufragar a construción de 750 vivendas de promoción pública.
O presidente provincial dixo que, especialmente no ámbito urbano, existe un problema de vivenda porque nos pasados 15 anos a Xunta só promoveu 5.000 vivendas, mentres que nos catro anos anteriores foron 10.000. “Hai que recuperar ese nivel de construción de vivenda de promoción pública”, propuxo, para presentar como solución a colaboración público-privada. “Que o sector privado faga a súa parte, pero que a Administración equilibre todo o que ten que ver co acceso á vivenda en condicións de prezo accesible”, concluíu.
Pedro Blanco destacou tamén “a implicación absoluta do Goberno de España con este tipo de obras que melloran a calidade de vida dos veciños” e animou a que nas próximas convocatorias das axudas se sumen moitas máis familias.
Ambos visitaron unha das coñecidas como Torres dos Mariñeiros de Monelos xunto á administradora da comunidade, Laura Marín; o arquitecto técnico encargado do proxecto, Javier Martínez, e un representante dos veciños, Lito Lorenzo. Alí deron a coñecer os detalles da intervención, para a que acadaron o 100 % da contía máxima subvencionable, o 80 % do custe total. A reforma beneficia a 53 vivendas, todas as que a solicitaron. A Xunta é a que concede a axuda, como Administración responsable de xestionar os fondos do Plan de Recuperación transferidos polo Goberno para rehabilitación enerxética de vivendas, de 173 millóns de euros.
Cos 970.000 euros acadados, a comunidade de propietarios sufragará obras de illamento térmico das fachadas mediante un sistema SATE (polo exterior do edificio) que combina o material illante cun revestimento. Ademais, substituiranse as carpinterías exteriores por outras novas, cambiarase a cuberta de fibrocemento, que ten amianto, e renovaranse todos os sistemas de evacuación de augas e as baixantes. Estas actuacións contribuirán a que o edificio sexa máis estanco e, polo tanto, non permita a entrada de frío no inverno nin a perda de enerxía.
Segundo explicou o delegado do Goberno, nos últimos anos o Goberno transferiu á comunidade autónoma máis de 400 millóns de euros para contribuír a 25.000 obras de rehabilitación e para a construción de 1.200 vivendas de promoción pública. Departamento de comunicación