REDACCIÓN | A Deputación abre este venres, 1 de marzo, o prazo para optar ás axudas para a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo-fluvial para o seu uso en actividades de promoción sociocultural na provincia, unhas achegas que están dotadas este ano cun orzamento de 100.000 euros. A convocatoria, aberta ata o 1 de abril, está dirixida a entidades en ánimo de lucro que poden recibir ata un máximo de 10.000 euros.
Estas axudas, que a Deputación convoca en réxime de concorrencia competitiva, buscan preservar e difundir o patrimonio marítimo-fluvial galego, dunha gran riqueza e singularidade e que, polo seu valor propio, debe ser estudado e considerado para a permanencia e a identidade da cultura ao longo do tempo. En concreto, as subvencións están divididas en tres liñas de actuación diferentes. A primeira, para a rehabilitación de embarcacións tradicionais co fin de recuperar o seu carácter orixinal ou de conservar elementos estruturais que permitan a rehabilitación e o mantemento da embarcación. A segunda, para aparellos de pesca e demais elementos vinculados á cultura marítimo-fluvial. E, por último, unha terceira liña para construcións e instalacións en terra, como almacéns, fábricas, estaleiros, lonxas, casetas de pesca, embarcadoiros e pesqueiras, entre outras, ou mostras da arquitectura industrial e popular marítimo-fluvial na provincia, para ser reconvertidas en espazos culturais.
O importe máximo da subvención para cada actuación non poderá superar o 80% do orzamento total e, en calquera caso, os 10.000 euros. Cada entidade poderá presentar unha soa solicitude, que deberá cursarse a través da Sede electrónica da Deputación e que ira acompañada de documentación como a memoria explicativa da actuación que se pretende desenvolver, así como o orzamento de gastos e ingresos ou a acreditación da titularidade do ben obxecto de rehabilitación ou mellora, entre outras. Departamento de comunicación