REDACCIÓN | O vestíbulo da Deputación da Coruña acolleu hoxe a conmemoración do Día da Muller, nun acto institucional no que participaron o presidente, Valentín González Formoso; a deputada de igualdade, Soledad Agra e a artista Guadi Galego, que coa súa canción “Matriarcas” puxo voz á historia das “conquistadoras, aleitadoras, brilantes activistas da vida cotiá” que protagonizan a campaña institucional da Deputación.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou que o 8M é “unha xornada de reivindicación, coa que facemos máis visible unha loita que debe ser diaria” e subliñou que as mulleres seguen tendo hoxe salarios un 20% máis baixos, maiores taxas de desemprego e temporalidade e pensións máis baixas, ademais de enfrontar no día a día os desafíos da conciliación ou a atención a menores e dependentes. “O noso ordenamento xurdíco garante sobre o papel a igualdade, pero a realidade social é ben distinta. Atopámonos na metade dun camiño longo e cheo de obstáculos”, afrimou.
Formoso aludiu tamén ao lema do 8M da Deputación neste 2024 “Mulleres do pasado, semente do futuro”, afirmando que “os referentes femininos son importantísimos para avanzar en igualdade” e que “moitas veces buscámolos en mulleres destacadas”, pero con frecuencia “témolas a carón de nós, nas nosas avoas e nais”.
'Mulleres do pasado, semente de futuro', é unha homenaxe “ás nosas antecesoras, para visibilizar os seus logros e a as súas dificultades”, apuntou Soledad Agra. “Conseguiron dereitos dos que podemos desfrutar hoxe: o divorcio, o dereito sexual e reprodutivo, o dereito a facer os estudos que queiramos ou a traballar no que nos guste, a poder viaxar ou vivir sen tutela masculina, e tantos outros, que lle costaron moitas protestas, folgas, até a morte, ás nosas bisavoas, avoas e nais” engadiu.
Esta campaña enmárcase no compromiso da Deputación para contribuir a alcanzar a igualdade nos diferentes espazos da vida. A deputada de igualdade sinalou a importancia do esforzo conxunto das administracións públicas e da sociedade, “non podemos perder eses dereitos que conseguiron as nosas antecesoras, non podemos permitir que cale o discurso negacionista da existencia mesma da violencia machista”. Polo tanto, engadiu, “é a nosa responsabilidade deixarlle ás xeracións futuras un mundo máis xusto, onde ser muller non sexa unha condición de risco, nin unha desvantaxe de partida”.
Programación 8M
Este acto insitucional forma parte da programación da Deputación para a conmemoración do 8M, que se desenvolverá durante todo o mes. Levarase a cabo unha dinámica interxeracional mediante a que o alumnado de diferentes centros educativos da provicia entrevista as súas avoas, nunha actividade que lles brindará a oportunidade de interactuar aprendendo das súas historias, experiencias e sabedoría. Esta dinámica culminará o día 21 nun encontro no IES Rosalía Mera con algunhas das avoas entrevistadas. Ademais, difundirase material informativo entre os centros educativos da provincia, cunha cronoloxía sobre fitos históricos acadados grazas á loita das mulleres.
Declaración institucional
Ademais, o Pleno da Deputación do pasado venres comezou coa lectura da “Declaración institucional do Día Internacional do 8 de marzo”, acordada por todos os grupos políticos da corporación, que se leu tamén esta mañá por parte de deputadas dos diferentes partidos políticos de toda a corporación: Avia Veira, do BNG; Mar García, do PSdG, e Izaskun García, do PP. Departamento de comunicación