REDACCIÓN | O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, fixo público hoxe a celebración no pavillón de Príncipe Felipe, de titularidade do organismo provincial, dun novo evento deportivo de alto nivel. Será o 28 de marzo cando o Poio Pescamar e o Marín Futsal, dous representantes da provincia que compiten na mellor liga do mundo de fútbol sala feminino, se enfronten na final da Copa Galicia. “Estamos seguros de que será unha festa do fútbol sala e do deporte feminino”, afirmou o mandatario provincial despois de anunciar a celebración deste partido na provincia.
Acoller esta final da Copa Galicia entre dous equipos que son referencia para o deporte na provincia supón unha nova mostra do apoio da Deputación ao deporte feminino. A visita da Selección Española de fútbol campioa do mundo a Pasarón o pasado mes de decembro ou o encontro previsto do combinado nacional feminino de balonmán para o mes de abril no Porriño son dous exemplos que demostran que “para nós o deporte feminino tamén pode ser un motor de igualdade”, subliñou o presidente provincial antes de desvelar a organización deste campionato de máximo nivel na capital da provincia.
O Poio Pescamar e o Marín Futsal, que militan na máxima categoría do fútbol sala feminino nacional, clasificarónse para a final do campionato autonómico despois de eliminar o Burela e o Castro, respectivamente. No caso do equipo do Morrazo, será a segunda vez consecutiva que disputen esta final co obxectivo de facerse co título por primeira vez. Mentres que o cadro conserveiro, que vén de ser recibido polo presidente López no Pazo provincial logo de acadar o seu segundo subcampionato na Supercopa de España da súa historia, busca alzar a súa cuarta Copa Galicia. A final está prevista para as 12 horas do vindeiro 28 de marzo.
O presidente Luis López anima a toda a cidadanía de Poio, de Marín e do resto da provincia a que se acheguen o vindeiro Xoves Santo pola mañá a desfrutar non so dun evento de fútbol sala do máis alto nivel, tamén para gozar do deporte pontevedrés e para darlle o apoio e visibilidade que merece o deporte feminino da provincia. Departamento de comunicación