REDACCIÓN | A Deputación da Coruña organiza, en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, a segunda edición da proba “Os 10.000 peregrinos” o vindeiro sábado 6 de abril.
Esta proba celébrase coa intención de impulsar a participación entre a mocidade e as persoas maiores da provincia cunha proba de gran relevancia no atletismo provincial e autonómico, para fomentar e promocionar o deporte, ofrecendo a posibilidade a toda a poboación de participar nunha proba cun rango de idade que da cabida a todas as persoas.
Segundo indica o deputado provincial de Deportes, Antonio Leira, “promovemos a celebración desta carreira para animar a todas as persoas a practicar deporte, fomentando hábitos de vida saudables”.
Leira destacou a presencia de grandes nomes na primeira edición “na que participaron atletas galegos ilustres do panorama internacional da talla de Adrián Ben ou Tariku Novales, que son grandes exemplos para as xeracións máis novas”.
Por último, engadiu que “agardamos que esta carreira se consolide no panorama galego e que cada ano atraia cada vez a máis persoas interesadas en facer deporte”. A carreira contará con tres distancias diferentes de 10, 5 e 2 quilómetros e unha andaina de 5 quilómetros en ruta. A saída das 4 disciplinas será desde a rúa San Francisco e a meta estará localizada na Praza do Obradoiro.
As inscricións poden formalizarse a través da plataforma da Federación Galega de Atletismo ata o mércores 3 de abril. Departamento de comunicación