El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DE OURENSE

A Deputación mobiliza preto de 300.000 euros á cooperación cos concellos para obras

18-03-2024 17:35:50
A Xunta de Goberno provincial.

REDACCIÓN |  A Xunta de Goberno da Deputación, na súa sesión ordinaria semanal, vén de mobilizar un total de 466.208,91 euros. Así, para a cooperación activa cos concellos, destínanse 291.759,72 euros, que quedan distribuídos do seguinte xeito: 48.000 euros para melloras na rede de abastecemento do Concello de Baltar; 47.952,88 para beirarrúas en Gomesende; 30.000 para a mellora do firme do camiño o acceso de Ribela, no Irixo; 40.135 euros para acondicionar camiños en Vilaseco e outros lugares do Concello de O Bolo; 39.671,84 euros para a humanización e mellora da área termal do Bañiño, en Punxín; 40.000 para mellorar a capa de rodadura nos núcleos de Barcia e Ibia, en Melón; 34.000 euros a favor do Concello de Vilar de Barrio para o cofinanciamento de proxectos como o parque infantil de Arnuide, a reforma do pavillón polideportivo e unha mini escavadora. Por último, á Asociación de Veciños de Rebordechá concédeselle unha axuda de 12.000 euros para a ampliación e reforma do seu local social. 

Outro dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno celebrada esta mañá foi a fixación dos prezos públicos pola prestación do servizo “Escolas de Verán DepOUrtivas”. A prestación deste programa de actividades deportivas, de lecer e de tempo libre a cargo do Servizo de Deportes da Deputación, xorde na necesidade de poñer a disposición das familias ourensás un espazo como o Pazo dos Deportes Paco Paz para contribuír á conciliación da vida laboral, familiar e persoal en períodos vacacionais, á vez que proporciona aos participantes unha contorna programada de aproveitamento do deporte e do tempo libre nun marco de convivencia óptimo e favorecedor das relacións sociais, promovendo a transmisión dos valores positivos do deporte. Así, procúrase un equilibrio nas esferas persoal, familiar e profesional. O custo máximo desta actividade é de 17.256 euros, e tendo en conta que o número máximo de participantes podería ser de 320 rapaces e rapazas, o prezo por participante para cubrir o custe real e efectivo do devandito programa debería ser de 53,93 euros. 

En vista das razóns sociais e de interese público, a Xunta de Goberno aproba a bonificación con carácter xeral dos prezos públicos pola prestación deste servizo, nunha porcentaxe do 44,37%, quedando fixados en 30 euros por usuario e semana. Tamén foi aprobado o expediente para contratar, por un importe máximo de 157.193,19 euros, a prestación do servizo consistente na provisión da infraestrutura tecnolóxica da iniciativa “Hai un Ourense para ti. Descúbreo”, no marco do convenio subscrito pola Deputación  coa entidade pública empresarial Red.es para o desenvolvemento do Plan Nacional de Territorios Intelixentes da Axenda Dixital para España. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias