El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

FERROL

O Concello contará co orzamento máis alto da historia: máis de 92,1 millóns de euros

25-03-2024 15:43:06
O alcalde José Manuel Rey Varela (i).

REDACCIÓN | O alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, presentou hoxe o orzamento para o 2024. “En nove meses presentamos dous orzamentos e nun ano teremos dous orzamentos aprobados, son a plasmación en números do proxecto de cidade, unha cousa son as contas e outra os contos”, afirmou. 

O rexedor avanzou que Ferrol contará este ano cun orzamento que acadará os 92.183.850,82 euros, “a cifra máis alta da historia da cidade e que supón un incremento do 16,89% con respecto ao orzamento aprobado no ano 2023”. 

O noso obxectivo -asegurou- é continuar cumprindo coa palabra dada aos veciños e, seguindo o mandato legal, contar cada ano cun novo orzamento para poder continuar desenvolvendo o proxecto de cidade nacido das demandas de todos os ferroláns. Iniciamos un mandato con grandes retos e con ese obxectivo no ano 2023 asignáronse 10,3 millóns de euros, que permitiron comezar a traballar nas actuacións e nos proxectos comprometidos e realizar unha planificación plurianualizada ata o ano 2027, recordou o rexedor. Froito desa planificación para este ano contémplanse 21.407.470,57 millóns de euros de investimento. A previsión do Goberno local, sustentada nos dous primeiros orzamentos, é ter en licitación os grandes proxectos de transformación da cidade no primeiro ano de mandato, cun investimento de máis de 40 millóns de euros para a súa execución en 2025, 2026 e 2027.   


Segundo orzamento do mandato 

O alcalde insistiu en que “o orzamento é o principal instrumento da administración para o desenvolvemento das políticas públicas. Queremos que Ferrol conte cunha estabilidade orzamentaria que permita cambiar as dinámicas dos últimos mandatos e cumprir co obxectivo legal dun orzamento cada ano”, manifestou.  

Sen orzamento unha administración non pode equilibrar os ingresos cos gastos, incrementar os recursos humanos municipais, incorporar novas previsións para mellorar os servizos públicos e optimizar os instrumentos que incentiven a actividade económica, xerar emprego e novas inversións.  

Así unha vez aprobado o orzamento do 2023 (78,8 millóns de euros), iniciouse a elaboración do orzamento do 2024, que debía afrontar cuestións que no orzamento aprobado non puidieron contemplarse. “Estas cuestións orzamentarias de enlace co orzamento de 2023 xunto a compromisos doutras Administracións como o Convenio con Defensa ou convenios estratéxicos como Abrir Ferrol ao Mar e a Cidade do Deporte ocasionaron que non puidésemos presentar o orzamento cando deberiamos, pero vale a pena por estes tres proxectos clave”, revelou. Estes proxectos, que mobilizarán neste mandato un investimento de máis de 40 millóns de euros, superará o investimento total dos últimos oito anos. 

Os orzamentos do 2024 servirán tamén para dar resposta aos problemas atopados como permitir ir dando solución á situación de extrema dificultade na que se atopa Emafesa (desde o 2016 a empresa acumula pérdidas por valor de 6,6 millóns de euros, que poden facer perigar o servizo público municipal de auga).   


Capítulos de ingresos 

A concelleira de Facenda, Susana Sanjurjo, encargouse de explicar o orzamento a través dos capítulos de ingresos e gastos. 


.- Capítulo I, II e III (impostos taxas e outros recursos) 

“Conxelaremos os impostos e taxas para apoiar a recuperación económica con tres excepcións”, avanzou Sanjurjo, engadindo que “este Goberno cumplirá coa palabra dada aos ferroláns para reducir o impacto recadatorio das multas e sancións”. “No ano 2023 reducimos un tercio a recadación por multas, e no 2024 seguiremos baixando esa porcentaxe”, afirmou. Ademais, permitirán seguir aliviando a carga fiscal ás familias, “manteremos a bonificación do 95% e a exención tributaria ata 30.000 euros na plusvalía nos casos de herencia para a vivenda habitual.  

A segunda, prevé a dotación dos medios para a optimización dos recursos tributarios establecidos que, xunto coa aprobación dun Plan Inspector, redunden no afloramento de feitos impoñibles non declarados e non prescritos, ou incorrectamente declarados, acadando a debida xustiza tributaria. E a terceira, lamentablemente, incrementará o mínimo posible a recadación ante a situación límite na que se atopa a Empresa Municipal de Augas para iniciar a súa viabilidade económica ante as débedas que arrastra de máis de 6,6 millóns de euros. Por iso, ante esta situación o recibo subirá unha media de menos de un euro ao mes ata que se equilibre a sociedade pública.  


.- Capítulo IV (Transferencias correntes) 

Este Goberno seguirá apostando polo traballo e o entendemento entre concellos e tamén coa Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Goberno do Estado. Proba delo é o incremento do 1,23% de transferencias correntes procedentes doutras administracións ata chegar ata os 26.131.017,27 euros no ano 2024. 

Nestes momentos están iniciados os trámites coa Deputación da Coruña e coa Xunta de Galicia para a tramitación do convenio que cubra os gastos de prestación do servizo provincial de bombeiros con efectos de 1 de xaneiro.  


.- Capítulo V (Ingresos patrimoniais) 

As expectativas en canto a ingresos patrimoniais mantéñense en cifras similares ás calculadas para o 2023, aumentando en 149.027 euros ata chegar aos 2.381.175,24 euros orzamentados.  


.- Capítulo VII, VIII e IX (Transferencias de capital e ingresos financieiros) 

Aumentan un 174,7% os ingresos de capital de financiamento alleo orzamentados para alcanzar a cifra de 9.086.943,84 euros, desglosados no Anexo de Investimentos como ingresos afectados, que proceden de Fondos Next Generation pero, sobre todo, dos convenios asinados entre o Concello e a Xunta de Galicia para o desenvolvemento de proxectos e demandas históricas para a cidade como Abrir Ferrol ao Mar, a renovación das infraestruturas deportivas e a creación da Cidade do Deporte, o investimento en centros educativos ou na mellora da Casa da Muller e da Casa de Acollida.  

Os activos financeiros mantéñense na mesma previsión dos últimos anos. E, para que todos estes proxectos sexan unha realidade, o fundamental é ter o financiamento. Por iso, “o Concello ten que endebedarse en 11.927.728,87 euros para poder cofinanciar os convenios asinados, para poder obter e asegurar Fondos Europeos e para poder iniciar os proxectos que son a base da transformación urbana de Ferrol”, asegurou a concelleira de Facenda.  



Capítulos de gastos 

.- Capítulo I (Gastos de persoal)  

Para poñer fin ao incesante incremento de vacantes dos últimos anos e á merma constante de efectivos de persoal, no ano 2023 iniciamos o proceso de reorganización municipal máis ambicioso da historia deste concello, sinalou a edila de Facenda, ao tempo que afirmou que “hai máis de 100 vacantes detectadas”. Sanjurjo revelou, ademais, que non se cumpriron as sentenzas xudiciais que están desde o ano 2017, que son imprescindibles para poder levar a bo fin o proceso de consolidación. “Dito proceso ten que rematarse este ano, antes do mes de novembro, e afecta a 100 traballadores de personal laboral do Concello, aos que estamos obrigados a regularizar a súa situación desde hai casi oito anos”, explicou.  

Para o ano 2024 prevense os créditos necesarios para asumir orzamentariamente compromisos como a mellora das condicións laborais do persoal e a incorporación de novos funcionarios e de persoal iniciado no ano 2023 para garantir unha atención de calidade aos veciños e veciñas de Ferrol. Destinaranse 1,4 millóns máis para asumir a incorporación de novos funcionarios e do persoal que sexa necesario, algo xa iniciado no 2023.  

En total, 23 millóns en política de persoal para dar cobertura a prazas que ata o de agora non contaban con previsión económica. Esta cifra contribuirá a reforzar áreas como os Servizos Sociais, o que dotará á organización interna do Concello dun maior número de auxiliares administrativos. Tamén servirán para a creación dunha unidade específica dedicada á xestión e  tramitación de Fondos Europeos, que era unha das carencias existentes. 


.- Capítulo II (Gastos correntes en bens e servizos) 

Acadan no ano 2024 os 40.424.169,6 euros, un 2,37 % máis que no ano 2023, o que permitirá continuar co proceso iniciado no ano 2023 para reforzar a calidade dos servizos do día e día e regularizando aqueles servizos que se atopan sen contrato como as zonas verdes, a subministración eléctrica, a limpeza viaria, os comedores escolares ou as axudas á dependencia, entre outros. 


.- Capítulo III e IV (Gastos financeiros e transferencias correntes)  

Os gastos financeiros descenden, segundo a estimación ata os 305.000 euros. No relativo ás transferencias correntes suman 5.088.560,33 euros, segundo o establecido no Plan Estratéxico de Subvencións e no Anexo de Subvencións aprobado recentemente polo pleno do Concello de Ferrol.  


.- Capítulo V e VI (Investimentos reais e transferencias de capital) 

Os investimentos para a transformación da cidade iniciada no 2023 ten a súa continuidade nos orzamentos do 2024 acadando os 21.407.470,57 euros, grazas á colaboración e á corresponsabilidade con administracións como a Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña ou o Goberno do Estado. As transferencias de capital para o ano 2024 ascenden a 21.325 euros.  


.- Capítulos VIII e IX (Gastos financeiros) 

Os activos financeiros para o 2024 seguen sendo 300.000 euros como no último orzamento aprobado. E os pasivos financeiros ascenden a 1.603.675,86 euros segundo estimación da amortización de préstamos vivos realizada pola Tesourería Municipal. 


Proxecto de cidade 

Grazas a estes orzamentos, pódese dar inicio ao proxecto máis ambicioso de transformación da cidade: Abrir Ferrol ao Mar. “Grazas ao entendemento con Defensa, a Armada e Navantia e grazas ao apoio económico da Xunta de Galicia é posible esta transformación con máis de 15 millóns de euros que xa se está executando na zona portuaria e continuará por A Magdalena, Esteiro e Caranza”. 

O compromiso co deporte plásmase nos 18 millóns de euros para a construción da Cidade do Deporte, mellorando as infraestruturas existentes, creando outras novas. Rey Varela non deixou pasar a oportunidade de falar do desenvolvemento do convenio con Defensa. “Este mes recibimos o compromiso de financiación do proxecto de urbanización do Sánchez Aguilera, polo que podemos iniciar a súa licitación”, o que permitirá iniciar a transformación urbana que unirá os barrios de Canido, A Magdalena, Santa Marina e Ensanche A. 

Entre as principais actuacións do 2024 figura facer accesible o aparcamento do Cantón; mellorar a accesibilidade e a eficiencia enerxética das vivendas de Recimil; eliminar os tapóns da rúa Cuba, Pena de Guitín, Ínsua e Muíño do Vento; a reforma das rúas Rubalcava, Terra e Doutor Fleming. A firma do convenio da estación intermodal é outro dos compromisos. 

O saneamento no rural, a renovación do centro comercial Porta Nova, a construción do parque cuberto no Inferniño, o centro social no Bambú Club, os novos locais para AVV Ultramar e San Xoán tamén están contemplados nestes orzamentos. As inversións en maiores -coa apertura de novos comedores- a rehabilitación da casa da muller e de acollida. 

Sentaremos as bases do Museo de Ferrol, adecuarase a casa de Carvalho Calero e realizaranse melloras tanto no Jofre como no Torrente Ballester, ás que se sumarán actuacións nos ceips. Paliarase a falta de estacionamento con aparcamentos disuasorios no Sánchez Aguilera e na Graña, entre outras actuacións. 

“Os orzamentos do ano 2024 son uns orzamentos que creen en Ferrol e nos ferroláns, que creen que esta gran cidade ten moito futuro, que pensan nas persoas e nos maiores, nos temas do día a día e na mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas”, concluíu o alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias