Leonardo Da Jandra pechou en Santiago o ciclo de conferencias "América, cada vez máis latina", organizado polo Club Internacional de Prensa. O escritor mexicano ofreceu un discurso vehemente e pouco compracente no que defendeu a identidade fronte a un mundo globalizado. Da Jandra sostivo que as clases adiñeiradas non son as que dan a identidade, senón "los remanente de la barbarie". A maior ameaza para a identidade do pobo galego, dixo, "es la construcción de adosados en O Courel". Por outra banda, indicou que cando a mocidade está nun "proceso de vegetalización", a sociedade "no tiene futuro". "Estamos viviendo un tiempo de neohorizontalidad", afirmou Da Jandra en referencia á vida cultural. A percepción de identidade xorde, ao xuízo do conferenciante, da literatura e mantivo que "un gran escritor es un mitocreador". Ao tempo, indicou a necesidade de que os pobos se coñezan entre si para non caer no provincialismo, senón nunha identidade profunda. Neste senso, salientou a "doble negación" entre España e Latinoamérica. "España es la primera potencia xenófoba del mundo y vampirizadora de Latinomérica", afirmou Da Jandra, quen porén confiou en que o seu país siga o modelo español, e o sur de México, o modelo galego, xa que é "la parte sagrada de España". Nado en Chiapas en 1951, Da Jandra medrou en Galicia, e estudou en Santiago e Madrid. Estudoso da filosofía, o escritor defende a utopía mínima e reflicte na súa obra unha inquedanza pola Xeración do 98 como ponte entre a cultura peninsular e a mexicana, e especialmente por Valle-Inclán. De Jandra é autor de libros como "Entrecruzamientos", "Totalidad, seudototalidad y parte", "Huatulqueños", "Tanatonomicón", "Samahua", "Los caprichos de la piel" e "La última Hispanidad, fiesta y rito", entre outros.