El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación premia a Agalure, Afaco, Érguete e Fundación Mujeres polo seu traballo no ámbito social

Cada unha das entidades galardoadas recibirá 10.000 euros para apoiar os proxectos premiados.

03-05-2024 21:00:03
Premios de Boas Prácticas.

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña entregou hoxe os seus premios anuais de Boas Prácticas en Servizos Sociais a catro entidades da provincia que destacaron polos seus programas innovadores no ámbito social e o seu compromiso na inclusión e a protección dos colectivos máis vulnerables. 

A gala de entrega desta terceira edición dos galardóns, celebrada esta noite en Palexco (A Coruña), congregou a preto de 500 representantes do tecido social da provincia, alcaldes e concelleiros de servizos sociais dos municipios, que acudiron a unha cita na que se premiou este ano á Asociación Galega de Ludópatas Rehabilitados (Agalure), a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFACO), a Fundación Mujeres e a Fundación Érguete, pero que serviu como homenaxe ao traballo que desenvolven centos de entidades sociais que traballan cada día na provincia da Coruña. 

Así o sinalou o presidente da institución provincial, Valentín González Formoso, que na súa intervención agradeceu o traballo destas entidades e a implicación das persoas que traballan nelas “para construír unha sociedade mellor” e “para mellorar a vida de miles de persoas e das súas familias a través de distintos programas e accións nas que é un orgullo poder colaborar desde a Deputación da Coruña”, afirmou.  

Formoso lembrou que preto de 300 entidades sociais da provincia reciben este ano o apoio económico da Deputación para financiar actividades e terapias, “que axudan a facilitar a autonomía, a igualdade de oportunidades ou a inserción social e laboral de miles de persoas na provincia da Coruña”. “Con estes premios queremos contribuír a facer visible ante a sociedade ese importante traballo, que moitas veces pasa desapercibido pero que é o refuxio da esperanza de moitas persoas”, afirmou. 

Terapias de rehabilitación, programas de atención psicosocial e prevención de condutas aditivas, respiro familiar e coidado de persoas maiores ou con discapacidade en residencias e centros de día, transporte adaptado ou integración social e laboral son algúns dos programas que a Deputación financia cada ano en colaboración con centos de entidades coruñesas. 


A maior aposta social da historia da Deputación 

O presidente destacou ademais que o goberno provincial está a realizar “a maior aposta social da historia da Deputación”, cun orzamento que este ano será de case 25 millóns de euros, e que nos últimos anos duplicou o investimento en programas tan importantes como o de servizos sociais comunitarios, que permite aos concellos ofrecer máis 400.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) persoas maiores. 

Formoso sinalou que, a pesar de que as competencias en materia social son da Xunta de Galicia, “os gobernos locais, concellos e deputacións, somos os principais impulsores dos coidados ás persoas vulnerables e a primeira porta á que chama a cidadanía para solucionar un problema”.  

Pola súa banda, a deputada de Política Social, Mar García Vidal, agradeceu tamén o “traballo fundamental” das entidades sociais e das persoas que traballan nelas para “axudar a moitas persoas a superar os obstáculos que a vida lles vai colocando ao longo do seu camiño” e “crear unha sociedade máis igualitaria e inclusiva, na que todos e todas contemos por igual”.  

Mar García fixo fincapé tamén no “papel protagonista da muller no ámbito social e dos coidados” e a na necesidade de “coidar a quenes coidan, unha cuestión que temos moi presente na Deputación”, afirmou.  


Premiados 

O primeiro premio da noite foi para a Fundacion Érguete polo seu proxecto “Entre patios”, unha actividade colaborativa entre o Centro Penitenciario de Teixeiro, centros educativos da provincia e o Ciclo de FP de Carpintería e Moble do IES Rosalía Mera. 

O proxecto consiste no deseño e elaboración de mobiliario entre presos e presas da cárcere e alumnado do Ciclo de FP, con visitas colaborativas entre o alumnado e os presos e presas.  

Posteriormente, ese mobiliario instalouse nos patios dalgúns centros educativos da cidade da Coruña como o CEIP de Zalaeta, o CEIP Víctor López Seoane ou o CEIP Torre de Hércules, de maneira que tamén serve de sensibilización para o alumnado de Educación Infantil e Primaria. Tamén na modalidade de proxectos resultou gañadora a Fundación Mujeres polo seu programa de Apoio Integral a Mulleres Coidadoras no eido Rural. 

A atención ás mulleres coidadoras é unha necesidade apenas cuberta por recursos públicos ou privados, sendo estes casos, pouco identificables e sen continuidade no tempo. O Servizo de Apoio Integral a Mulleres Coidadoras no eido Rural propón cubrir este baleiro,dando unha atención de calidade ás mulleres coidadoras de familiares xa que están nunha situación de especial vulnerabilidade, froito das propias características e consecuencias que teñen os coidados.  

Desde 2013, este programa levouse a cabo en 28 municipios da provincia: Culleredo, Bergondo, Arteixo, Abegondo, Betanzos, Cambre, Carral, Sada, Ordes, Curtis, Ortigueira, San Sadurniño, Pontedeume, Cerceda, Melide, As Pontes, Cabanas, A Laracha, A Pobra, Narón, Fene, Arzúa, Carballo, Irixoa, Rois, Negreira, Padrón e Santa Comba. 

Outra das premiadas da noite foi a Asociacion de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFACO) polo seu proxecto “EnREDando”, cuxo obxectivo xeral é desenvolver e implementar unha plataforma de estimulación neuropsicolóxica grupal e individual a través de pizarras dixitais, xestionada pola equipa multidisciplinar da asociación co obxectivo de proporcionar un tratamento de calidade adaptado ás necesidades das persoas con demencia e á súa valoración individual que se realiza mediante diferentes probas e tests; aumentando a estimulación cognitiva dunha forma innovadora.  

As actividades constan de exercicios grupais adaptados á fase da enfermidade na que se atopa cada persoa, con material clasificado en máis de 40 procesos cognitivos catalogados por dificultade, idade e modalidade, nunha plataforma dixital desenvolvida por técnicos de AFACO especializados en demencias e estimulación cognitiva.  

Finalmente, na modalidade de traxectoria, o premio recaeu na Asociación Agalure, unha asociación de carácter sociosanitario declarada de utilidade pública creada na Coruña no ano 1994 e que dedica os seus esforzos exclusivamente ás adiccións sen sustancia, sendo a única entidade na provincia dedicada a esta problemática social. 

Agalure, que este ano celebra o seu 30º aniversario, conta cun equipo multidisciplinar e ao longo destas tres décadas de historia axudou a máis de 3.000 persoas a superar as súa adicción ao xogo ou outras adiccións sen substancia. O ano pasado desenvolveu, en colaboración coa Deputación, un programa de sensibilización sobre este tipo de adiccións en centros escolares da provincia.  

Ademáis do premio físico, que consiste nunha escultura de barro realizada polo obradoiro Kerámicos de APEM, cada unha destas entidades recibirá un premio en metálico de 10.000 euros para impulsar o desenvolvemento dos seus proxectos no ámbito social. Departamento de comunicación





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias