REDACCIÓN | A Deputación da Coruña financia con preto de 4 millóns de euros a realización de máis de 339 novas contratacións en pequenas e medianas empresas ubicadas nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.
A institución provincial publica hoxe no Boletín Oficial da Provincia a resolución de concesión das axudas da liña PEL-PEMES do Plan de Emprego Local para novas contratacións, cun investimento final de 3.997.030 euros, que se incrementou en preto de medio millón de euros con respecto aos 3,5 millóns cos que contaba o orzamento inicial para poder atender o maior número de peticións, ante a elevada demanda de solicitudes.
Segundo explicou o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, o obxectivo desta liña do PEL “é apoiar a creación de emprego estable e de calidade no sector privado, apoiando ás empresas radicadas en municipios pequenos e rurais para que podan incrementar a súa plantilla e contribúan a xerar postos de traballo e actividade económica”.
Formoso lembrou que “a fixación de poboación no rural é un obxectivo estratéxico do Goberno provincial durante o presente mandato” e apuntou que “para iso é preciso que sigamos avanzando na mellora de infraestruturas e servizos públicos, pero sobre todo é fundamental que facilitemos a creación de oportunidades laborais e que apoiemos o emprendemento para que as persoas podan desenvolver o seu proxecto vital e laboral nos municipios máis pequenos”, afirmou.
“Con programas como o PEL estamos demostrando que é posible crear emprego no rural. Grazas a estas axudas, 339 persoas van a conseguir un traballo este ano e outras tantas empresas terán a oportunidade de facer crecer o seu negocio contando con máis persoal”, explicou o presidente, que detallou que outras liñas do PEL como as de contratación de persoal nos concellos (PEL-Concellos) ou a Rede Provincial de Espazos de Coworking contribúen tamén á creación de empregos e a implantación de novas iniciativas empresariais nos municipios rurais da provincia.
As axudas da liña PEL-Pemes financian o 70% dos custos laborais dun traballador ou traballadora durante un período máximo de un ano, incluíndo os gastos de soldos e salarios, Seguridade Social, así como outros gastos sociais, impulsando así a actividade empresarial das zonas con menor poboación da provincia e apoiándoas na xeración de emprego e dinamización do seu tecido socioeconómico.
Os contratos deberán formalizarse por unha duración mínima de 6 meses e o importe a conceder está vinculado ao número de meses subvencionables dentro da anualidade 2024 e ao tipo de xornada, cun máximo de 15.000 euros por un contrato de 12 meses a xornada completa.
Distribución das solicitudes
En canto á distribución das axudas por concellos, os que contan cun maior número de solicitudes concedidas nesta anualidade son: Santa Comba, con 24 solicitudes que supoñen un montante de 308.281,78 €; Mazaricos, cun total de 21 solicitudes concedidas por importe de 267.636,47 €; e Dumbría con 16 concesións e 190.176,95€ en axudas.
Segundo o domicilio fiscal, obsérvase que os municipios de entre 5.001 e 10.000 habitantes son os máis numerosos entre os beneficiarios, con 140 concesións (41,30% do total), seguidos dos municipios de entre 2.001 a 4.000 habitantes, con 88 concesións (25,96% sobre o total).
En canto a distribución das concesións por comarcas, a de Santiago é a que concentra un maior número de solicitudes concedidas, cun total de 115 que representan un 33,92 % do total, por un importe de 1.323.252,05 €; seguida da comraca de Bergatiños-Costa da Morte con 85 concesións, un 25,07% do total, por un importe de 1.034.454,59 €.
En canto á tipoloxía das entidades beneficiarias, observamos que os/as empresarios/as individuais ou persoas autónomas son os máis favorecidos pola axuda, cun total de 182 solicitudes concedidas, representando un 53,69%, dos/as beneficiarios/as totais.
Das 339 empresas ás que se lles concede a axuda, 150 contan cunha muller promotora ou máis do 50% do capital social pertence a mulleres. Isto supón o 44,24% da totalidade das concesións.
Por sector de actividade, o terciario é o máis favorecido cun 59,29% das concesións, especialmente a hostalaría e turismo (18,88%); seguido polo sector gandeiro (14,75%) dentro do sector primario. No sector secundario destaca a actividade de construción e reformas, que supón máis da metade das axudas dentro deste sector de actividade.
Por sectores de actividade destacan as empresas beneficiarias dedicadas ao comercio, cun 25,66% das concesións, seguidos dos pertencentes aos sectores agrícola, gandeiro, forestal e pesqueiro, cun 22,71% das concesións e en terceiro lugar o turismo cun 9,44% do total. A listaxe completa