REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, presentou hoxe en Vigo as principais liñas de traballo que desenvolverá nas institucións europeas en relación á cidade olívica tras as eleccións europeas do pasado 9 de xuño. Neste sentido destacou que Vigo ten problemas aos que é necesario dar resposta, como ás necesidades de vivenda, o sector industrial, a AP9, o Corredor Atlántico e a saída sur e o sector pesqueiro.“É fundamental ter un escano ao servizo do país”, subliñou a eurodeputada galega na súa comparecencia xunto ao portavoz municipal do BNG, Xabier P. Igrexas. Nas súas intervencións salientaron o gran resultado do Bloque en Vigo e agradeceron aos 20.460 vigueses e viguesas que depositaron a súa confianza no BNG nas pasadas eleccións europeas. “É o mellor resultado acadado en 25 anos e é unha honra que isto suceda na miña cidade. É unha honra e por suposto unha inmensa responsabilidade, polo que vou seguir traballando duro para cumprir con esta responsabilidade”, salientou Miranda.A eurodeputada galega explicou as iniciativas que presentará o BNG no Parlamento Europeo a partir do 16 de xullo, cando comece a lexislatura. Neste sentido, explicou que tal e como anunciou en campaña, en vivenda presentará unha iniciativa para que os fondos europeos se invistan para crear vivenda pública. “Os vigueses e viguesas non poden seguir soportando que nesta cidade teñan que pagar os prezos de alugueiro e compra máis elevados de toda Galiza e para iso é necesario dispoñer dun fondo de vivenda público”, manifestou, ao tempo que criticou o negacionismo do PP neste eido, que nega a realidade de miles de vigueses e viguesas. Fondos europeos e portal de transparencia No tocante ao sector industrial, a eurodeputada do BNG salientou que “urxe poñer fin ao declive industrial da cidade”. Ao respecto indicou que segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, nos últimos 15 anos, o número de empresas do sector da automoción da comarca de Vigo caeu nun 10%. Ao respecto avanzou que seguirá presentando iniciativas para que Vigo e Galiza contén con máis fondos europeos, tanto no marco da política de Cohesión como do Fondo de Transición Xusta, como Territorio Altamente dependente da automoción. “No BNG defendemos a necesidade de reforzar a actividade industrial nos territorios afectados pola transición ecolóxica e enerxética, para que estas instalacións permanezan no territorio e que se conte con toda a cadea de subministro na produción”, sinalou. Outro tema ao que se referiu a eurodeputada do BNG foi a AP9. Neste sentido mencionou o acordo acadado esta semana polo deputado Néstor Rego, que acadou o apoio do Congreso para instar o Goberno do Estado a iniciar os trámites para a anulación da prórroga da AP-9, a asunción da xestión directa da autoestrada e a supresión das portaxes. Ao respecto avanzou que no portal de transparencia da Eurocámara solicitou a documentación referida ao procedemento de infracción aberto en 2021 pola Comisión Europa contra o Estado español pola prórroga da ampliación da AP9 que realizou o PP no 2001. Para os nacionalistas é prioritario rescatar a concesión da AP9 e rematar coa discriminación destas peaxes abusivas que temos que pagar por culpa do goberno de Aznar.“Despois de máis de 12 anos falando do Corredor Atlántico, temos que dicir alto e claro que tanto PSOE como PP teñen responsabilidades na exclusión de Vigo da rede transeuropea de transporte”, salientou Miranda, quen avanzou unha ofensiva para poñer fin a esta discriminación de Galiza e adiantar a 2030 a inclusión de Vigo na rede. Por outro lado, a eurodeputada do Bloque fixo referencia ao sector pesqueiro, que en Vigo representa case 9.000 empregos directos e arredor de 4.000 indirectos. “É fundamental acadar que Galiza sexa recoñecida como Zona Altamente Dependente da Pesca”, destacou. Finalmente, Ana Miranda salientou que a aposta pola fortaleza industrial de Vigo e polo mantemento dos postos de traballo ten que facerse no marco do respecto ao medio ambiente, “que polo que vemos cada día non é o punto forte do goberno local, coa súa tala de árbores indiscriminada que prexudica a calidade do aire e contribúe a que suframos de forma máis drástica as consecuencias do cambio climático”. BNG sen teitoPola súa banda, o portavoz municipal en Vigo, Xabier P. Igrexas, puxo en valor que o BNG “non temos teito nin límites” na maior cidade galega, co mellor resultado en 20 anos nunhas eleccións europeas que, comparadas coas últimas convocadas en solitario en 2014, supoñen un incremento dun 176% nos apoios. Así, o aumento en Vigo representa 8 de cada 10 novos votos que sumou o BNG en Galiza, o maior incremento porcentual (máis dun 8%) de todas as urbes galegas. Este feito súmase ao “aumento sostido e continuado de apoios” nas catro eleccións celebradas no último ano, onde o Bloque conseguiu o “fito histórico” de ser primeira forza en Vigo nas eleccións galegas de febreiro, o aumento dun 45% nos apoios nas xerais e o triplicando a representación no Concello de Vigo en 2023. Un apoio crecente que, subliñou Igrexas, o BNG vai corresponder con “máis traballo, compromiso e coherencia”, facendo valer o escano galego de Ana Miranda para defender Vigo e Galiza en Bruxelas. “O gran resultado nestas eleccións europeas vai permitir que os temas chave para a nosa cidade, como a Saída Sur de alta velocidade ou a industria, van estar presentes con aínda maior forza en Europa”, defendeu.“As viguesas e vigueses poden ter a absoluta confianza e a certeza de que Ana Miranda exercerá sen dependencias nin subordinacións a voz en defensa dos intereses de Vigo”, salientou o portavoz municipal do BNG. Departamento de comunicación