REDACCIÓN | O secretario xeral dos socialistas galegos e portavoz do grupo parlamentario, José Ramón Gómez Besteiro, manifestou o seu rexeitamento ás políticas da Xunta porque, segundo denunciou, discriminan aos alumnos que apostan por unha educación inclusiva. Besteiro visitou hoxe a sede de Down Galicia para coñecer de primeira man as preocupacións da federación e as súas entidades, así como as necesidades das familias ás que prestan apoio.
O líder dos socialistas galegos defendeu un modelo educativo inclusivo, sen segregacións nin en centros especiais nin en unidades especiais dentro dos centros educativos ordinarios. Durante a súa visita, Besteiro reuniuse con Delmiro Prieto, presidente de Down Galicia, quen expuxo as principais inquietudes da federación, que actualmente apoia a preto de 800 usuarios co obxectivo de mellorar as súas oportunidades de desenvolver a súa autonomía persoal en todos os ámbitos.
Besteiro tamén destacou a necesidade de avanzar no ámbito laboral, xa que só o 5% das persoas con síndrome de Down que poden traballar o fan en empresas ordinarias, mentres que o resto están empregados en centros ocupacionais ou especiais. Salientou o traballo de Down Galicia, que avoga por fomentar o emprego ordinario, destacando que é unha vía dignificante e economicamente beneficiosa para a administración pública.
Reafirmou o compromiso do PSdeG cunha educación e unha contorna laboral inclusiva, e esixiulle á Xunta de Galicia que adopte políticas que promovan a igualdade de oportunidades para todas as persoas, independentemente das súas capacidades. A visita a Down Galicia serviu para resaltar a importancia de seguir traballando xuntos para lograr unha sociedade máis xusta e inclusiva.
Besteiro visitou a sede de Down Galicia xunto coa portavoz de Política Social do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Silvia Longueira, e o secretario xeral do PSdeG de Compostela, Aitor Bouza.
Problemas na implementación de políticas inclusivas
Segundo un informe da ONU, en España hai máis de 41.000 alumnos matriculados en modalidades de educación especial. A lei educativa desenvolvida polo Goberno socialista contempla reverter esta situación, pero a pesar de estar en vigor desde hai dous anos, aínda require esforzos adicionais para a súa plena implementación.
Mentres que a Xunta afirma que o 94% do alumnado con necesidades especiais recibe unha educación inclusiva, entidades como Down Galicia aseguran que estes datos non son precisos, xa que dependen de como se defina a plena inclusión.
En Galicia existen 14 centros públicos de educación segregada, e o presidente de Down Galicia subliña a necesidade de que todo o alumnado teña acceso á educación ordinaria cos apoios necesarios, sen discriminación baseada nas súas capacidades. Departamento de comunicación