REDACCIÓN | A defensa dos sectores produtivos, a mellora das infraestruturas e facilitar o acceso á vivenda serán tres das prioridades da axenda galega coa que o BNG traballará no Parlamento Europeo, tal e como avanzaron a portavoz nacional, Ana Pontón, e a eurodeputada, Ana Miranda, nun almorzo informativo, no que destacaron tamén que “desde o primeiro minuto” o Bloque vai ser a forza que represente os intereses do País na UE.
“O escano que vai ocupar Ana Miranda non é un escano de partido, é un escano de País, o de todos os galegos e as galegas que nos vai servir para ter unha voz máis forte que defenda en Bruxelas os nosos intereses”, asegurou Pontón, que detallou que o Bloque loitará no Europarlamento polos sectores produtivos do País, o saneamento das rías, por máis dereitos para todos os traballadores e traballadoras ou para que “non se financie con fondos europeos unha bomba ambiental como a que o PP quere colocar no corazón do País”, dixo en alusión á macrocelulosa que proxecta instalar Altri.
Pontón subliñou que a “voz galega” en Europa terá na nova lexislatura “máis forza” grazas ao apoio que o BNG recibiu nas urnas o 9X, e precisou, neste sentido, que “desde o ano 1999 non se constituía un Parlamento Europeo cun escano do Bloque, naquel momento con Camilo Nogueira, e hoxe con Ana Miranda”. “O que pon nervioso o PP é que o BNG ten máis forza que nunca e que estamos en Bruxelas desde o minuto un para defender os intereses do País, que imos ser o único escano ao servizo dos galegos e as galegas, porque nós non temos que obedecer ordes nin de Madrid nin dende Bruxelas”, agregou.
A preguntas dos medios sobre os últimos ataques do PP en Europa pola papeleta do Bloque, dixo ver o PP “nervioso e obsesionado” cun BNG que “sobe en cada proceso electoral”. “Se o Partido Popular quere facer o ridículo en Europa, cada un decide como quere presentarse nas institucións europeas”, afirmou.
A líder do BNG presentou a “experiencia, solvencia e coñecemento” de Miranda como “garantía de eficacia” do seu traballo como a “embaixadora” que Galiza vai ter en Bruxelas nun momento, ademais, no que se van decidir cuestións relevantes como o futuro da política agraria común. Neste punto, adiantou que o Bloque reclamará na UE “prezos xustos para quen fai o traballo”, avanzando cara un modelo “que prime a quen realmente produce e non aos grandes terratenentes” e que reduza “a burocracia absurda que está dificultando moito o traballo que fai a xente do rural”.
Defender o sector pesqueiro será outra das prioridades do BNG, que traballará contra as “decisións claramente lesivas”, como as vedas impostas ao arrastre e o palangre sen ter en conta o impacto económico. “Imos estar en Bruxelas para plantarlle cara a todas esas políticas que literalmente queren cargarse a pesca en Galiza”, afirmou Pontón.
A portavoz nacional incluíu na axenda galega que Miranda levará a Europa a defensa dunha transición enerxética xusta, “que avance na loita contra o cambio climático pero que teña en conta o impacto no territorio”, non só no que afecta ás centrais das Pontes ou Meirama senón tamén en sectores como a automoción, clave para Galiza.
Nun momento no que hai “unha onda regresiva que quere que camiñemos cara atrás”, o BNG fará do avance dos dereitos, das liberdades e da Europa da paz outro dos seus eixos de actuación en Bruxelas, tal e como explicou Pontón, que recalcou que “Europa non pode estar exclusivamente ao servizo do que deciden Estados Unidos e a OTAN” e que “fronte aos intereses belicosos, o Bloque exixirá o cese do xenocidio en Palestina e que a UE “cumpra un papel no ámbito da política internacional que claramente avogue pola convivencia pacífica entre os pobos”.
Sobre este punto, deixou clara a posición do BNG en contra o “disparate” que supón “que mentres se aumenta o gasto militar se diga que hai que recortar o gasto social, en educación, sanidade ou pensións. “A nosa será unha voz crítica contra o modelo neoliberal da UE, reclamando que se poñan no centro medidas que eviten a desigualdade e o empobrecemento das maiorías sociais do noso País”, concluíu.
Nova PAC adaptada á realidade galega
A eurodeputada Ana Miranda, adiantou pola súa banda “unha forte ofensiva contra Altri” en Bruxelas e, neste sentido, explicou que a primeira iniciativa que levará ao Parlamento Europeo nesta nova lexislatura será para reclamar que os fondos europeos “que o PP lle quere dar á multinacional se destinen a potenciar os nosos sectores produtivos, en particular o sector agrogandeiro -clave para revitalizar o rural e preservar o territorio-, e tamén a pesca e o marisqueo, coa rexeneración das rías como prioridade”.
“Os fondos europeos non poden ser para destruír o territorio”, advertiu, para anunciar que xa ten solicitadas entrevistas cos comisarios competentes, a quen lle trasladará a idea dun País cunha “grande potencialidade que o PP quere estragar con proxectos propios do século XIX que non respectan nin o medio ambiente nin os nosos sectores produtivos”.
Miranda avanzou, por outra banda, que como eurodeputada terá presenza na Comisión de Pesca, outro dos sectores prioritarios na axenda galega. “Seguiremos defendendo que Galiza é zona altamente dependente deste sector, estratéxico da economía galega e abandonado polo Goberno do PP”.
Igualmente, adiantou que o Bloque levará a sede do Parlamento Europeo delegacións para que a PAC “teña en conta a realidade e as necesidades do noso sector agrogandeiro” e comprometeuse a loitar contra o “declive industrial en Galiza consecuencia das políticas do PP”. Neste punto, especificou que a defensa da industria do automóbil no País, nunha transición verdadeiramente xusta, será outra das súas grandes liñas de actuación “para que Vigo e Galiza conten con máis fondos europeos como territorio altamente dependente da automoción”.
Miranda fixou no Corredor Atlántico outro dos asuntos relevantes para o escano do País, impulsando unha estratexia para integrar a todos os sectores económicos “porque non queremos estar por debaixo doutros corredores europeos” e para recortar os prazos e que esta infraestrutura non quede postergada ao 2040.
A eurodeputada anunciou finalmente que xa ten solicitado unha entrevista co comisario de Mercado Interior, para tratar sobre o expediente aberto pola Comisión sobre a prórroga na concesión da AP9. “Cada vez temos máis indicios de que esta concesión foi ilegal e o pobo galego non ten que sufrilo”, sostivo.
AP9: ou transparencia ou tapar as vergonzas de Aznar
Tamén sobre a AP9, e a preguntas dos xornalistas sobre a comisión de investigación solicitada no Parlamento polo BNG, Pontón reiterou que a formación nacionalista vai buscar no último pleno ordinario do actual período de sesións a unanimidade da Cámara para impulsar esta comisión co obxectivo de que os galegos e as galegas saiban “que responsabilidades hai na privatización dunha infraestrutura básica para o País” e na ampliación dunha concesión que, tal e como se está vendo, “está rodeada de ilegalidades”.
“O que lle pido ao PP é que non vote en contra de Galiza porque os galegos e as galegas teñen o dereito a saber por que se privatizou a AP9 e que ilegalidades se puideron cometer, porque os datos que imos coñecendo son un auténtico escándalo”, advertiu, para reclamar ao Partido Popular que “non busque escusas” para impedir que haxa “transparencia” sobre unha cuestión que, ademais e dado o expediente de infracción aberto pola Comisión Europea, daría a oportunidade para poder avanzar cara a unha AP9 galega e libre de peaxes.
“O Partido Popular non quere isto? Vai seguir defendendo a Audasa ou vai defender a verdade? Que ten que esconder?”, cuestionou, para cuestionar a continuación “se o PP quere tapar as vergonzas e os abusos que cometeu Aznar ou quere que haxa luz e transparencia”.
Segundo a portavoz do BNG, este é o debate, arroxar ou non transparencia a todo o proceso de privatización e ampliación da concesión da AP9. “Só teme unha comisión de investigación da AP9 quen ten algo que ocultar e creo que os galegos e as galegas temos dereito a coñecer a verdade e a que se asuman responsabilidades políticas”, concluíu. Departamento de comunicación