REDACCIÓN | Na Comunidade galega impulsouse o proceso de desburocratización cun novo modelo de relación coas empresas: a Oficina Económica de Galicia que, comandada desde o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), xa está asesorando ás empresas.
A Oficina traballa como unha canle única entre empresas e administración e coma un punto de contacto, facilitando información, asesoramento ou acceso ao financiamento.
Máis de 3.500 consultas de empresas
O certo é que desde que comezou a funcionar a Oficina Económica de Galicia xa atendeu máis de 3.500 consultas de empresas. Os técnicos, encabezados pola directora Natalia Barros, xa están mantendo reunións con compañías que necesitan asesoramento sobre a súa posible implantación no territorio galego para impulsar desde a Comunidade iniciativas consolidadas ou novos proxectos. Todo isto, asociado a unha serie de indicadores que permiten á Oficina realizar un seguimento e, de ser preciso, detectar os puntos de mellora nas políticas empresariais.
Facilidades para as empresas
Este é o espírito da nova Oficina Económica e iso é o que reclaman agora outros territorios de España, que expresaron o seu interese por desenvolver nas súas estruturas administrativas órganos semellantes, atendendo as demandas do empresariado e das organizacións económicas representativas do territorio. É evidente que o obxectivo pasa por reducir os prazos para que a tramitación dos proxectos empresariais sexa máis rápida e, en definitiva, máis sinxela. O certo é que a propia Oficina quere ser un exemplo desta axilidade e calquera solicitude de información é atendida en menos de 24 horas.
Coordinación entre a Xunta e outras administracións
A captación de capital para Galicia é outra das tarefas deste órgano, que traballa en coordinación cos diferentes departamentos autonómicos e con todas as institucións e administracións que poidan ofrecer unha solución a empresas e emprendedores. É dicir, a Oficina ofrece información, non só de Galicia, senón de todo o catálogo de axudas ou necesidades que poden atoparse noutros organismos, sexan locais, estatais ou comunitarios.
Entre as liñas de axuda que ofrece a Oficina Económica de Galicia, atópase o desenvolvemento de calquera iniciativa emprendedora ou de proxectos de innovación, aínda que tamén destaca o asesoramento sobre proxectos que impulsen a transición enerxética, a dixital, ou a economía circular.
Todo isto fai da Oficina Económica de Galicia un novo recurso de apoio á economía galega e ás empresas, tanto as que xa están operando desde o territorio galego coma aquelas que barallan a opción de implantar aquí a súa actividade. Un órgano de referencia máis alá das fronteiras galegas coma exemplo de éxito da desburocratización e da dinamización económica.