El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Internacional

BNG | EURODEPUTADA

Ana Miranda asume unha vicepresidencia de Eurolat

18-09-2024 19:07:37
Ana Miranda, eurodeputada do BNG.

REDACCIÓN | A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, exercerá a responsabilidade de vicepresidenta de Eurolat, a Asemblea paritaria Euro-Latinoamericana, organismo internacional composto por 150 parlamentarios de países europeos e latinoamericanos. Ademais, nesta nova lexislatura da Eurocámara a eurodeputada galega formará parte das Delegacións de Palestina e de Brasil.  

“É unha honra saber que como eurodeputada do BNG asumirei unha vicepresidencia de Eurolat, precisamente pola importancia que ten a nosa emigración, a nosa diáspora, e tamén pola nosa relación en moitos partidos e políticos do continente latinoamericano”, manifesta Ana Miranda, quen explica que é unha decisión do grupo parlamentar no que se integra o BNG na Eurocámara. 

Estas responsabilidades que exercerá Ana Miranda únense ao seu traballo na defensa dos intereses de Galiza como integrante titular na Comisión de Pesca e coordinadora da Comisión de Peticións. Así mesmo Miranda é coordinadora na Comisión de Desenvolvemento (DEVE) e integrante substituta na Comisión de Política de Cohesión (REGI).  

Como integrante de todas e cada unha destas comisións e delegacións, a eurodeputada do BNG fará unha férrea defensa dos intereses de Galiza en Europa e no mundo, pero tamén das causas xustas da humanidade. “Como eurodeputada galega comprométome a seguir os temas na Comisión de Agricultura, na de Medio Ambiente, na de Emprego, e a seguir todas as problemáticas que afecten ao noso país, porque somos a voz galega en Europa”, subliña Miranda. 


Lei de Medios

En resposta a unha pregunta formulada pola eurodeputada do BNG, Ana Miranda, ao inicio do mandato e dirixida á Comisión Europea sobre o incumprimento do Regulamento Europeo de Medios de Comunicación na reforma da Lei de Medios que o PP pretende levar a cabo en Galiza, a vicepresidenta Jourová en nome da CE subliña a importancia da “independencia dos medios de comunicación de servizo público”.  

“Hoxe chega a resposta á pregunta, na que a Comisión Europea dinos alto e claro que debe cumprirse este regulamento de forma que o seu funcionamento para elixir o consello de administración debe ser independente, transparente, aberto e non discriminatorio, non como fai o PP”, destaca a eurodeputada do Bloque. En concreto, ese aspecto é recollido no artigo 5 do Regulamento europeo sobre a liberdade dos medios de comunicación.  

“No Parlamento Europeo seguirei denunciando eses incumprimentos da normativa europea sobre a independencia e pluralidade nos medios públicos galegos, que son a propaganda do Partido Popular”, manifesta Ana Miranda, quen impulsou que este tema fose tratado en diversas ocasións na Comisión de Peticións da Eurocámara.  

A resposta remitida pola Comisión Europea recoñece que o Informe sobre o Estado de Dereito de 2024 fai referencia ás “reservas relacionadas coa independencia dos medios de comunicación de servizo público a escala rexional” no informe de 2024 do instrumento de seguimento do pluralismo nos medios de comunicación (Media Pluralism Monitor). 


Inxerencias do PP 

Neste sentido, o documento remitido pola vicepresidenta Jourová destaca que a Comisión seguirá moi atenta a calquera novidade sobre a independencia dos medios, xa que na súa pregunta, a eurodeputada galega reclamaba que a Comisión Europea verificara o cumprimento do Regulamento Europeo de Medios de Comunicación, recentemente aprobado, tendo en conta as múltiples inxerencias do PP nos medios públicos galegos, así como a falta de pluralidade –denunciada nas protestas dos Venres Negros que levan a cabo o colectivo Defende a Galega-. Finalmente, na reposta exprésase a vontade de tomar de “calquera novidade que lle transmita como eurodeputada galega sobre esa reforma da lei de medios que pretende levar a cabo o Partido Popular”, sinala Miranda.  





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias