REDACCIÓN | O eurodeputado socialista galego, Nicolás González Casares, defendeu a necesidade de que a Unión Europea aposte por "conservar, recuperar e restaurar" os bosques de Galicia e Europa para que poidan axudar na prevención de desastres naturais como os incendios forestais que, recentemente, asolaron Portugal e Grecia.
Durante a súa intervención este luns no pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo, o eurodeputado galego fixo fincapé na "preocupación" coa que Galicia viviu a situación vivida en Portugal dado que ambos territorios "afrontamos condicións moi similares no eido forestal e na emerxencia climática".
Casares lembrou que en ambos territorios se apostou "polo monocultivo forestal industrial" ao tempo que apuntou ao "abandono rural e o declive demográfico” como factores tamén "determinantes".
"Vin desaparecer bosques biodiversos, terras de labor e ata humedais a gran velocidade", lamentou o eurodeputado socialista, quen incidiu en que en Galicia, a superficie plantada de eucalipto pasou de 250.000 hectáreas a máis de 425.000 en menos de 20 anos.
Con todo, Casares apuntou que o cambio climático trae secas e altas temperaturas e que o "monocultivo masivo xa non é seguro nalgunhas zonas". "A nosa adaptación á crise climática é incompatible con actividades que vaian en contra da nosa biodiversidade e da nosa seguridade", remarcou, polo que fixo un chamamento a conservar, recuperar e restaurar os bosques para axudar na prevención de incendios e fronte "á imparable evolución do cambio climático".