REDACCIÓN | Os xulgados galegos recibiron entre abril e xuño 21 denuncias ao día por violencia de xénero. En concreto, presentáronse 1.955, fronte ás 1.707 do mesmo período de 2023, o que supón un aumento do 14,5 %. A gran maioría (1.338) foron presentadas pola vítima, unha cifra que segue sendo moi superior á das denuncias interpostas por terceiras persoas: os familiares formalizaron 20; mentres que 105 chegaron por partes de lesións recibidos directamente; 95, por servizos de asistencia e terceiros; e 360, por intervención directa da policía.
No período estudado aumentou un 9,8 % o número de mulleres vítimas, pois se rexistraron 1.842, fronte ás 1.678 do segundo trimestre de 2023. A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) en Galicia se situou en 13,1, a terceira máis baixa do Estado -cuxa media foi de 18,5-, por detrás da Rioxa -12,5- e Castela e León -11,9-. En total, no segundo trimestre do ano rexistráronse 19 menores tutelados vítimas de violencia de xénero, os mesmos que entre abril e xuño de 2023.
Os distintos órganos xudiciais (xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais) ditaron no segundo trimestre do ano en procesos de violencia de xénero 708 sentenzas, das cales 601, é dicir, o 84,8 %, foron condenatorias. Nos meses estudados os xulgados de menores axuizaron a seis persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller.
Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en Galicia descenderon un 19 % os casos de vítimas que se acolleron a dispensa á obriga de declarar como testemuña. No segundo trimestre optaron por esta opción 98 mulleres, fronte ás 121 que o fixeron o ano anterior.
Ademais, no período analizado solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller 461 ordes e medidas de protección da vítima, un 3,4 % menos que no mesmo período de 2023, cando se demandaron 477. Delas adoptáronse 289 (o 62,7 %). Nos xulgados de garda sen competencia en violencia sobre a muller pedíronse 101 ordes de protección, das que se acordaron 67. En 218 dos 461 casos a relación de parella (cónxuxe ou relación afectiva) mantíñase no momento da demanda da orde de protección ao xulgado de violencia sobre a muller.
Medidas xudiciais penais e civís de protección
Os órganos xudiciais acordaron tamén, derivadas das ordes de protección e doutras medidas cautelares, un total de 596 medidas xudiciais penais de protección das vítimas (mulleres e menores). No ámbito penal, as máis frecuentes foron as ordes de afastamento (241) e a prohibición de comunicación (235).
Ademais, ditaron 178 medidas cautelares civís, cuxa finalidade é a protección da muller e dos menores en tanto se resolve o proceso penal. As máis frecuentes foron as relacionadas coa atribución da vivenda (50), a prestación de alimentos (48) e a suspensión do réxime de visitas (41). Datos estatísticos