REDACCIÓN | A portavoz nacional, Ana Pontón, avanzou as principais liñas do plan de traballo que o BNG proporá na comisión de investigación sobre as irregularidades na contratación pública do PP e que inclúe a solicitude de comparecencia de medio cento de responsables políticos, altos cargos e expertos, así como máis de 30 peticións de documentación.
Entre as solicitudes de comparecencia, atópanse o titular da Xunta, Alfonso Rueda, a do expresidente, Núñez Feijóo, a da súa irmá e a do seu cuñado, a da parella sentimental da presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, así como a das conselleiras e conselleiros con responsabilidades no sobrecusto de 470 millóns de euros do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
“Imos ir ata as últimas consecuencias para investigar estes 15 anos de chanchullos do Partido Popular”, advertiu Pontón, quen volveu poñer o foco sobre como “empresas vinculadas a altos cargos do PP se están beneficiando descaradamente dos contratos públicos” aproveitando a fórmula dos “contratos a dedo” e da “opacidade” instaladas na contratación da Xunta.
Unha práctica que evidencia a “corrupción en A” denunciada reiteradamente polo BNG, recalcou, e que supuxo que, só entre os anos 2018 e 2023, “o Goberno do PP repartira 4.000 millóns de euros públicos a dedo, sen transparencia, nin concorrencia competitiva”.
“O Partido Popular pensa que, por ter maioría absoluta, ten patente de corso e impunidade total e por iso leva anos e anos repartindo millóns de euros a dedo entre empresas amigas e vinculadas con altos cargos seus, a costa dos impostos que pagan os galegos e as galegas”, denunciou a portavoz nacional, quen recordou que grazas aos 25 deputados e deputadas do Bloque que impulsaron a comisión de investigación, vaise “poñer luz onde o PP quere escuridade”.
Contratos a dedo a empresas amigas do PP
En relación a este primeiro gran ámbito de actuación da comisión, a dos contratos a dedo a familiares e empresas vinculadas con altos cargos do PP, a líder nacionalista sinalou como “caso paradigmático” a Eulen, a empresa que dirixe en Galiza Micaela Núñez Feijóo, irmá do anterior titular da Xunta, que recibiu 4,9 millóns de euros a través de 1,311 contratos a dedo nos últimos anos.
Fórmula esta estendida no Goberno do PP e que tamén salpica ao actual presidente, Alfonso Rueda, co irmán da súa número dous recibindo 783.000 euros, tamén en contratos sen publicidade nin concorrencia competitiva, por xestións que pode facer perfectamente a Administración pública cos seus funcionarios e funcionarias.
Por isto, o plan de traballo do BNG inclúe a solicitude de comparecencia de Rueda, Núñez Feijóo e a da irmá deste último, así como a de todos os responsables dos entes da Xunta que acumulan unha parte moi importante da contratación a dedo a Eulen, como a do director da CRTVG, a do xerente do Consorcio Galego de Igualdade ou a da ex-xerente da área sanitaria de Santiago, Eloína Núñez.
Entre a documentación a analizar, a formación nacionalista solicita todos os contratos suscritos coas empresas do grupo Eulen, así como os plans de contratación da Xunta entre 2009 e 2024, tanto das diferentes consellerías como dos organismos autónomos, axencias públicas e entidades públicas instrumentais.
Contratos de emerxencia na pandemia
Sobre a segunda gran cuestión obxecto da comisión, a da trama de cobro de comisións nos contratos realizados durante a pandemia, a portavoz nacional confirmou a solicitude de comparecencia de Alberto González Amador, parella sentimental da presidente da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, do que dixo “é un defraudador fiscal confeso”.
Neste sentido, recordou as informacións de El Diario.es, que revelaron como a orixe do fraude fiscal de 350.000 euros confesados pola parella de Ayuso estaba no cobro de dous millóns de euros en comisións por mediar na venda de material sanitario durante a pandemia por parte da empresa FCS Select Products á empresa galega MAPE Asesores por importe de 42 millóns de euros.
Por iso, o BNG tamén solicita a comparecencia de Fernando Camino Maculet, membro do consello de administración de MAPE Asesores, a empresa que proporcionou máscaras e luvas á Xunta de Feijóo e que tamén é directivo de Quirón Salud, empresa con estreitas vinculacións coa empresa da parella de Ayuso, de tal xeito que a xustiza suíza acaba de abrirlle unha cusa separada no caso do seu fraude fiscal.
A formación nacionalista tamén pide que compareza na comisión Gumersindo Cachafeiro Gómez, presidente fundador de MAPE Asesores, que cualificou de “estafa” o cobro de comisións de González Amador.
Tamén en relación aos contratos de emerxencia durante a COVID, dos que un informe do Consello de Contas xa advertira que só once empresas acapararon o 49,1% do total adxudicado e “que o Partido Popular leva ocultando durante dous anos”, recordou Pontón, o Bloque solicitará as comparecencias do cuñado de Núñez Feijóo, Ignacio Cárdenas, directivo da firma Universal Support, que facturou 15,2 millóns á Xunta entre 2020 e 2022 xustamente cando o actual máximo responsable do PP presidía a Xunta.
De igual xeito, pedirá ampla documentación sobre as contratacións do Goberno do PP durante a pandemia, incluídos os expedientes completos de todos os contratos de emerxencia adxudicados ás empresas MAPE Asesores, Universal Support, Sibucu 360, Moonoff ou Sismédica SL.
Sobrecusto de 470 millóns no Álvaro Cunqueiro
En relación ao terceiro gran bloque obxecto de investigación, o do sobrecusto de 470 millóns de euros do hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, e que a portavoz nacional considerou un “tema central”, o BNG solicitará a comparecencia de todos os conselleiros e conselleiras que tiveron relación coa construción privatizada do centro, incluídas Pilar Farjas, Rocío Mosquera e Jesús Vázquez Almuíña; todas e todos os xerentes da área sanitaria de Vigo, incluído o exconselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña; e todos e todas as responsables no ámbito económico, como a exinterventora xeral, Elena Muñoz, e a actual, Almudena Chacón.
Entre a documentación solicitada, a formación nacionalista pedirá un informe que xustifique por que non se reduciu o custo do Álvaro Cunqueiro pese a si reducirse as dimensións do hospital (700 camas menos e menor superficie global do previsto), o expediente de licitación e concesión da construción e todos os modificados do proxecto inicial, así como todas as comunicacións entre a concesionaria e o Executivo galego.
“Tras pagar un sobrecusto de 470 millóns de euros, vemos como, a día de hoxe, doentes da área de Vigo teñen que ser desviados a Ourense ou á sanidade privada, que está aumentando o seu negocio, porque a pública non hai unha boa planificación para garantir o dereito á saúde”, denunciou a líder nacionalista, quen ironizou coa “boa xestión” do PP. “Pagar máis por un hospital que ten menos superficie, 700 camas menos das previstas, e regalarlle 470 millóns de euros a grandes construtoras”, sintetizou.
A preguntas dos medios polos prazos temporais da investigación, Pontón indicou que a comisión “debe traballar sen présa, pero sen pausa” e, sobre todo, debe servir para dilucidar “que está pasando cos recursos públicos dos galegos e das galegas” ante casos “tan escandalosos” que están salpicando directamente ao presidente da Xunta e onde se visualizan “claros tratos de favor no funcionamento da Administración pública”, concluíu.