El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Investigadores da Universidade de Santiago avanzan no estudo dunha vacina universal contra a meninxite B

02-07-2007

Un equipo de investigadores da Universidade de Santiago (USC) está realizando un estudo molecular destinado ao desenvolvemento dunha vacina universal contra a meninxite B, unha enfermidade que afecta principalmente a nenos menores de 2 anos e de entre 13 e 17 anos, e da que non existe hoxe en día ningunha vacina. O equipo está formado por investigadores da Facultade de Farmacia da USC, e diríxeo o catedrático Carlos Ferreirós. Ademais, no proxecto colaboran dous organismos ingleses: o Health Protection Agency (Axencia de Protección da Saúde) e o National Institute for Biological Standars and Control (Instituto Nacional de Estándares e Control Biolóxico). Segundo o profesor Ferreirós, o seu equipo leva traballando nesta liña de investigación desde mediados dos oitenta. Na actualidade, analizan antíxenos de superficie da meninxite que poidan ser idóneos para o deseño de vacina efectivas contra o serogrupo B, un tipo de meninxite para o cal as vacinas que xa existen resultan ineficaces. "Os demais serotipos xa teñen vacinas que se conseguen a través de moléculas dás cápsulas dás bacterias, pero no caso do meningococo tipo B, as moléculas dás cápsulas son iguais a outras do corpo humano e non funcionan", explica o investigador da universidade compostelán. O equipo dirixido polo profesor Ferreirós pretende determinar se os complexos de proteínas da membrana externa dos meningococos poden ser candidatos apropiados para as vacinas. Para iso, os científicos analizan os complexos proteicos das membranas, e posteriormente os purifican e realizan probas de inmunización en ratos. Neste sentido, Ferreirós recorda que en Cuba xa se desenvolveu unha vacina contra o meningococo tipo B, pero que só resulta eficaz contra a cepa circulante na zona. O proxecto de investigación está desenvolvido pola USC, aínda que conta co financiamento do Ministerio de Sanidade e pola Consellería de Innovación. Ademais, tamén o avala o laboratorio farmacéutico Sanofi-Pasteur, especializado na prevención de enfermidades infecciosas. Xunto a Carlos Ferreirós, traballan no proxecto outros catro investigadores da USC, e dous do Complexo Hospitalario da Universidade de Santiago (CHUS). Ademais, tamén participa a investigadora galega Sandra Sánchez, que desenvolve o seu labor desde Inglaterra a través dun contrato Parga Pondal.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias