REDACCIÓN | Galicia rexistrou o pasado mes de outubro un incremento da demanda hoteleira, medida en noites, do 4,8% e un crecemento tamén da cifra de viaxeiros aloxados do 5,6%, mentres que o crecemento medio do conxunto de España foi do 4,7% en pernoitas e do 3,7% en número de viaxeiros. O turismo galego medra, con 510.524 viaxeiros en outubro, case dous puntos por riba do indicador nacional, alcanzando así o valor máis elevado dos últimos once anos no mes de outubro.
Confírmanse así os avances de resultados da política desenvolta pola Xunta de Galicia para desestacionalizar o turismo fóra da tempada alta e garantir unha actividade sostible durante todo o ano. O incremento da demanda turística prodúcese nun contexto do aumento tamén da oferta dispoñible, cun volume de prazas ofertadas que tamén se incrementa o 2,5%.
Turismo internacional
Os datos do Instituto Nacional e Estatística (INE) destacan tamén o bo comportamento do turismo internacional que medra o 13,2% no volume de noites hoteleiras e o 13,4% en viaxeiros aloxados no pasado mes de outubro. De feito, o turismo estranxeiro supón o 34% da demanda turística en Galicia no mes de outubro.
O turismo interno, o realizado polos residentes na Comunidade galega, tamén experimenta un crecemento do 4,2% no volume de noites hoteleiras e do 2,6% na cifra de viaxeiros.
Estas cifras repercutiron no incremento dos niveis de rendibilidade hoteleira nos dez primeiros meses do ano, que sobe un 7%. Estímase que o sector hoteleiro galego obtivo uns ingresos totais nominais de máis de 390 millóns de euros de euros neste período.