El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación impulsará coa colaboración de Fademur unha rede de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero nos concellos rurais

23-11-2024 13:41:28
Valentín González Formoso (4e).

REDACCIÓN | Máis de catrocentas mulleres de pequenos municipios da provincia encheron hoxe o Mosteiro de Sobrado dos Monxes no acto organizado pola Deputación da Coruña e a Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur-Galicia) polo Día Internacional das Mulleres Rurais.  

A xornada, que este ano se enmarca na conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero (25N) puxo o foco nas desigualdades e na problemática específica da violencia contra as mulleres no rural galego, así como na importancia de ofrecer mellores servizos e oportunidades reais de desenvolvemento para conseguir “un rural máis próspero, máis feminino e máis feminista. Un rural mellor para un país mellor no que as mulleres son o motor do cambio”.  

Así o afirmou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, que inaugurou o acto xunto ao o alcalde de Sobrado, Lisardo Santos, o prior do Mosteiro, Carlos Gutiérrez, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García e da presidenta de Fademur-Galicia, Verónica Marcos. 

Formoso reivindicou a contribución fundamental das mulleres “que co seu traballo, a súa forza e dedicación constrúen día a día o futuro do noso rural” e apuntou que “hoxe estamos aquí para recoñecer ese esforzo e facelo visible ante a sociedade”. 

O presidente destacou tamén que as mulleres do rural soportan a escaseza de recursos e servizos, ocúpanse en maior medida do coidado de persoas maiores e nenos e, en moitos casos, “sofren desigualdades laborais alarmantes e salarios moito máis baixos que os dos homes”. 

Pese a isto, subliñou o “papel clave” do emprendemento feminino para o futuro do rural: “A experiencia do PEL, con arredor dun 50% de axudas concedidas a mulleres, demóstranos que as iniciativas emprendedoras lideradas por mulleres no rural teñen un alto grao de diversificación e innovación, á vez que un maior ratio de supervivencia ao longo do tempo”, apuntou. 

Neste sentido, Formoso reclamou “maior compromiso” da Xunta de Galicia no apoio ao mundo rural: “Se queremos un rural vivo, non pode ter servizos de segunda. Hai que xerar emprego, mellorar infraestruturas e dotar á poboación de recursos próximos en sanidade, educación, transporte ou cultura para evitar o despoboamento”, afirmou o presidente, que tamén afirmou que mellorando servizos e comunicacións “o rural pode ser unha solución ao problema da vivenda que teñen as grandes cidades”. “Hai moitas casas baleiras no rural esperando a que unha familia volva acender a lareira. É posible se creamos emprego, melloramos servizos e comunicacións”, subliñou.  


Recursos específicos contra a violencia machista no rural 

O presidente da Deputación fixo tamén fincapé na “problemática específica” que, con respecto á violencia de xénero, sofren as mulleres no rural. Destacou que case o 40% das mulleres que foron asasinadas en España neste 2024 polas súas parellas ou ex parellas vivían en municipios de menos de 20.000 habitantes, un dato que supera o 50% no caso de Galicia, e incidiu “nas maiores dificultades para denunciar ou para acceder aos servizos especializados de axuda”. Ante esta “terrible realidade”, Valentín González Formoso destacou que “é preciso “traballar para cambiar as cousas” e “dotar ao rural de recursos axeitados para a acabar coa violencia machista”. 

Ademais anunciou que, coa colaboración de Fademur, a Deputación da Coruña impulsará unha rede de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero nos concellos rurais, similar á que xa existe no entorno metropolitano das grandes cidades e que conta co soporte económico da institución provincial. 

Pola súa banda, a presidenta de Fademur Galicia, Verónica Marcos, lembrou que o vindeiro decembro cumpriranse vinte anos da publicación da Lei orgánica de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, “que supuxo un antes e un despois”, pero considerou que “aínda queda moito por avanzar” na erradicación desta lacra. 

Marcos lembrou ás 40 mulleres asasinadas en España no que vai de ano, catro delas en Galicia, así como aos 6 menores vítimas da violencia vicaria, “a más terrible das violencias”.  

A presidenta de Fademur incidiu tamén na necesidade de “políticas específicas para o medio rural neste ámbito” e debullou os datos da enquisa anónima realizada pola entidade, na que se revela que 6 de cada 10 mulleres do rural coñecían un caso de violencia machista no seu entorno. “Casos invisibles que non saen á luz e que probablemente todo o seu entorno coñeza desde hai anos, porque as mulleres do rural permanecen unha media de vinte anos co seu agresor”, afirmou Marcos, que considerou que “as redes que tecen as asociacións de mulleres son esenciais nesa loita”.  


Mulleres exemplo de compromiso co mundo rural  

Como cada ano, durante o acto realizazouse tamén un recoñecemento a mulleres, entidades e empresas do mundo rural que destacan polo seu compromiso coa igualdade no mundo rural e a súa aposta pola cultura, a innovación ou a posta en valor dos produtos autóctonos, que este ano foron para Helena Villar Janeiro, Sandra Alvite, Mónica Penas e Taciana Díaz. 

Helena Villar Janeiro, que non puido acudir a recibir o galardón, obtivo o recoñecemento pola súa aportación ao mundo da lingua, da cultura e da comunicación durante décadas. Villar é unha das figuras máis destacadas da literatura galega contemporánea. De Becerreá (Lugo), dedicou máis de 40 anos ao ensino da lingua en Santiago de Compostela. Ademais, na súa obra foi quen de exportar unha visión feminista e social moi vencellada ao mundo rural. Ao longo da súa traxectoria publicou numerosos libros de poesía, narrativa e ensaio, sempre desde a súa perspectiva da preservación das raíces culturais, da loita pola igualdade e da defensa da lingua. Estes aspectos axudáronlle a ser a primeira presidenta da Fundación Rosalía de Castro. 

Sandra Alvite Ferreiro recibiu recoñecemento pola posta en valor dos nosos produtos. Nacida en Mazaricos no 1984, no 2015 comezou a formarse na técnica da palla trenzada para elaborar sancosmeiros, os tradicionais sombreiros galegos. O seu fin foi evitar a desaparición deste saber ancestral, que potenciou coa fundación de Trenzarte, a primeira asociación de artesás especializados en palla trenzada. Grazas ao seu traballo, a fabricación tradicional deste produto non só segue viva, senón que logrou adaptar a técnica para diversificar as pezas e expandir as súas creacións a toda España e ao estranxeiro.  

Mónica Penas González foi galardoada polo seu compromiso co sector primario e o territorio, xa que desde ben nova tivo que asumir responsabilidades na explotación agraria familiar e debeu renunciar a estudar Veterinaria, a súa vocación. Desde entón, a súa vida aínda está máis profundamente ligada á terra e aos desafíos do sector gandeiro, ademais da súa constante reivindicación á conciliación. Casada e cun fillo de menos de dous anos, na actualidade xestiona unha granxa con 100 cabezas de gando e ten 48 animais nun centro de cría. Ao longo dos últimos anos, asumiu papeis como ama de casa, cociñeira ou xestora, ademais de coidar do seu pai, de 82 anos, co que vive e que é completamente independente. 

Por último, o recoñecemento ao compromiso coa igualdade e o medio rural foi para Taciana Díaz Mariño. Xornalista nada en Antas de Ulla (Lugo), conta con máis de tres décadas de experiencia ás súas costas narrando algúns dos acontecementos máis importantes dos últimos anos, como o desastre do Prestixe, cobertura polo que gañou o Premio Ondas. Actualmente é xefa de redacción en La Sexta Noticias Galicia, despois dunha carreira na que puxo en valor as contribucións das mulleres en todos os ámbitos. 

Tras a entrega de premios, a xornada continuou cunha mesa redonda titulada ‘As mulleres do rural fronte a violencia de xénero’, con Carlos Ferrás, catedrático de Xeografía Humana; Ana Cobo, responsable do CIM de Ferrol; a maxistrada Paz Filgueira e Yolanda García, profesora de Traballo Social especializada en Violencia de Xénero.  

O acto foi clausurado polos discursos da presidenta de Fademur, Teresa López, e da presidenta da Asociación A Maristela de Sobrado dos Monxes, María Ángeles Sánchez.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias