El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Culturgal volve ser escaparate para os proxectos de Cultura da Deputación

27-11-2024 14:55:39
Presentación de Culturgal.

REDACCIÓN | A edición 2024 do Culturgal, o espazo de encontro entre as diferentes culturas galegas e os seus públicos, celebrarase do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. Entre as 200 actividades, 100 expositores, seis escenarios e 500 artistas do programa estarán os tres proxectos cos que a área de Cultura da Deputación da Coruña participa este ano na feira.  

Na caseta 2 terá espazo propio, con información e merchandaxe, o Reino de Galicia, a liña de traballo pola que o departamento provincial coruñés apostou en 2021 para a dar a coñecer e difundir a etapa medieval galega. 


Premios que tecen redes 

‘Premios que tecen redes: certames literarios da Deputación da Coruña’ será o lugar de encontro, o domingo 1, ás 16 horas, no Escenario B, cos gañadores e a gañadora de tres dos concursos de literatura que convocou en 2023 a institución provincial. Nun faladoiro conducido pola xornalista e comisaria dos premios, Susana Pedreira, César Lorenzo (vencedor do XXXV Torrente Ballester de narrativa en lingua galega), Blanca Paula Rodríguez Maragatos (XIV Murguía de ensaio) e Rafael Fernández Lorenzo (XVII Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil) presentarán os seus libros, que chegaron ás librarías hai uns días, e conversarán sobre eles coas primeiras persoas que os leron: xurados e comisión lectoras. 


Actuación dos finalistas do Quero Cantar 

Tamén para o domingo, ás 17 horas, no Escenario infantil, está programada a actuación dos grupos Hush, de Teo, e Interestelares, do Morrazo, gañador (na categoría infantil) e finalista (categoría xuvenil) da sétima edición do concurso de música Quero Cantar. 

“O Culturgal”, explica a deputada de Cultura, Natividade González, “é unha cita para nós moi especial porque temos contacto estreito co público”. “Como administración”, engade, “valoramos a oportunidade de que coñezan o noso traballo os profesionais da xestión cultural, programadores, empresas e outras institucións, pero esa proximidade co público dálle un plus á feira e é perfecta para poñer en valor o talento das autoras e autores que dan prestixio aos nosos premios literarios, o mesmo talento, e enerxía, que teñen os participantes do concurso Quero cantar, como seguro van demostrar aquí no Escenario infantil”. 

González animou ao público a visitar a caseta da Deputación: “As persoas que se acheguen ao noso ‘stand’ poderán coñecer de xeito gráfico e rigoroso a historia, extensión e cronoloxía do Reino medieval de Galicia, a través do completo material de difusión que lles ofreceremos”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias