El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Cartas al Director
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Vinte finalistas aspiran aos Premios Youtubeiras+ 2024

16-01-2025 17:37:32
Premios Youtubeiras+ 2024.

REDACCIÓN | Os Premios Youtubeiras+ anunciaron hoxe en Narón as canles e persoas finalistas do certame, que, na súa oitava edición e co lema ‘Fachenda ao cadrado’, abriu a participación aos contidos difundidos na plataforma TikTok. Son vinte as propostas aspirantes a levar o galardón nalgunha das sete categorías do concurso, cuxo palmarés coñecerase na gala final que se vai celebrar o 1 de febreiro, ás 19 horas, no Pazo da Cultura de Narón, conducida por Meiga-i e con música do grupo De Ninghures. Na rolda de prensa de presentación participaron a titular de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Sol Agra; a alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e Meiga-i. 

89 canles —49 de YouTube e 40 de TikTok— presentáronse este ano aos premios dun proxecto que aposta por fomentar a creación de contidos dixitais en galego e promover e darlles visibilidade aos diferentes perfís de persoas xeradoras de contidos na Rede. A iniciativa ten o apoio dos servizos de normalización lingüística da Deputación da Coruña, dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo, e das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo. 

“Estes premios”, sinalou Sol Agra na súa intervención, “caracterizáronse sempre pola colaboración institucional e a implicación de diferentes entidades locais a través dos seus servizos de normalización lingüística, así coma das tres universidades”. “Cremos”, engadiu, “que a unión, a colaboración e a forza común ao redor da lingua son o camiño que cómpre seguirmos para acadar a normalización”. 

Narón únese ao proxecto Youtubeiras+ e faino, segundo Marián Ferreiro, “da mellor forma posible, acollendo a gala de entrega de premios, para amosar o noso compromiso coa lingua nun ámbito, o das redes sociais e a creación de contidos en Internet, que consideramos fundamental para o presente e para o futuro de calquera idioma”. “A creación de contidos en galego en plataformas como YouTube e TikTok constitúe unha vía imprescindible para a difusión do galego entre as novas xeracións”. 

Meiga-i encargouse de descubrir algúns detalles da gala, na que actuará o grupo De Ninghures. “Non será un musical, pero terá moita música; tampouco será un cabaré, pero teremos moito de cabaré nunha noite con dous grandes leitmotivs: o primeiro, o propio lema desta edición, ‘Fachenda ao cadrado’; e o segundo, a historia de Internet”. “Youtubeiras+”, dixo, “xa ten oito anos, xa ten unha historia e percorreremos a historia de Internet ao longo de toda a gala a través de homenaxes aos formatos nativos da Rede”. 


Premios 

Youtubeiras+ rexistrou este ano a inscrición de 89 canles —polos 68 da edición anterior—, que emitiron vídeos que suman 19 720 minutos de contidos dixitais en galego”. O certame repartirá 7500 euros en premios entre as sete categorías a concurso: 1250 euros para cada unha das propostas gañadoras de YouTube e de TikTok, e 1000 euros para as que acaden os galardóns de Creación de Contidos, Revelación, Calidade Lingüística e Rede, ademais do Premio do Público, para o que votaron 5056 persoas a través da web de Youtubeiras.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias