REDACCIÓN | A Rede Cultural da Deputación terá en 2025 un orzamento de 1.975.000 de euros. O prazo para que artistas, empresas e compañías inscriban os seus espectáculos estará aberto desde hoxe ata o 6 de febreiro. A institución provincial financiará entre un 30 e un 75 por cento dos espectáculos, dependendo do número de habitantes de cada municipio.
Os concellos deberán solicitar actuacións entre o 18 de marzo e o 1 de abril. A resolución de adxudicación dos espectáculos comunicarase nunha terceira fase, antes do 22 de abril de 2025, no caso dos concellos, e antes do 22 de maio de 2025, no caso das entidades. Os espectáculos celebraranse no ámbito territorial da provincia da Coruña durante o ano 2025 e ata o 31 de marzo de 2026.
Como en anteriores anos, o catálogo da Rede Cultural nesta edición estará formado por catro programas: ‘¡Escena ao vivo!' (espectáculos profesionais de teatro e monicreques, maxia, danza e música), 'Visións' (cinema e contidos audiovisuais), 'Lingua a Escena!' (espectáculos profesionais de música, teatro, danza, narración oral e monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega) e 'Alicerce' (espectáculos de grupos de música, danza e teatro non profesionais). No caso de ‘Alicerce’, ademais dos concellos, poderán contratar propostas artísticas non profesionais as entidades da provincia sen ánimo de lucro que teñan entre as súas finalidades a promoción da cultura.
«Seguimos facilitando un relevante espazo de programación artística que ten como obxectivo principal garantir unha oferta diversificada e de calidade en toda a provincia e que, polo tanto, orientamos de tal xeito que favoreza a capacidade dos concellos coruñeses para desenvolveren propostas culturais atractivas para os seus veciños e veciñas», destacou a deputada de Cultura, Natividade González.
González lembrou que en 2024 a Rede Cultural programou 1182 espectáculos, que chegaron a 91 localidades do territorio, “en beneficio non só da veciñanza, pois tamén ofreceron un circuíto de traballo moi relevante para os sectores profesionais da cultura galega". As bases da convocatoria