REDACCIÓN | No pleno do Parlamento Europeo, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, advertiu da grave situación na que se atopa o rural galego á que denominou “inverno demográfico”, xa que segundo denunciou existen problemas de transporte, de emprego e de discriminación dos pequenos e medianos agricultores e gandeiros.
“Quedan só dúas opcións, señora comisaria, a precariedade laboral ou emigrar”, manifestou Ana Miranda no debate sobre “Xestión dos retos demográficos da Unión”, no que puxo como exemplo “desta situación crítica” aos agricultores e os criadores galegos, -moitos deles mozos, moitas delas mulleres-, que alimentan o gando de xeito natural, sustentable e con pasto.
“Trátase de pequenas explotacións de becerros, certificadas pola denominación de orixe Ternera Galega Suprema. Porén, o goberno galego quere alterar as regras incentivando a alimentación con ración concentrada. E ese cambio pode excluír aos pequenos agricultores e abandonar o rural”, explicou a eurodeputada galega, quen recentemente mantivo reunións tanto con representantes de Fruga como do Sindicato Labrego Galego, precisamente para analizar esta problemática e as súas repercusións no agro galego.
Medio rural vivo
Para Ana Miranda é moi grave que a modificación dunha ferramenta creada para distinguir a produción de calidade, como é a Indicación Xeográfica Protexida Ternera Galega, chegue a discriminar ás pequenas e medianas granxas que optan pola gandaría en extensivo. Este cambio suporá a industrialización da Indicación Xeográfica Protexida e a expulsión de máis de 750 granxas da IXP que non acortellan.
A IXP ternera galega creouse a mediados dos anos 90 co obxectivo de crear unha marca que claramente diferenciara a calidade do cebado tradicional que se facía nas granxas galegas. Segundo a eurodeputada galega, este tipo de gandería é indispensable para manter un medio rural vivo, xa que non só permite a rexeneración dos pastos e a calidade dos solos, senón que tamén posibilita desenvolver unha práctica profesional de calidade e a sostibilidade das granxas galegas.