El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Deputación activa os recursos para que os concellos promovan a igualdade e loiten contra a violencia de xénero

27-01-2025 12:47:20
Deputación de Pontevedra.

REDACCIÓN | A Deputación de Pontevedra pon á disposición dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia as axudas para a promoción da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a loita contra a violencia de xénero, dotadas de 260.000 euros. Coa publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, os concellos teñen a partir de mañá un prazo dun mes para solicitar estes recursos. 

A través das axudas provinciais os concellos beneficiarios poderán promover actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria, como impulsar os seus plans municipais de igualdade, actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista, tamén proxectos para mellorar a atención integral ás vítimas de violencia de xénero, aos seus fillos e dependentes ao seu cargo, ademais de actividades para mellorar a formación e a orientación para o emprendemento e inserción laboral das mulleres. Tamén poderán financiar campañas de difusión e sensibilización en materia de igualdade, proxectos e iniciativas xurdidas dos acordos das mesas locais contra a violencia de xénero, crear redes de apoio para fomentar a corresponsabilidade ou tamén contratar persoal especialista para proxectos específicos. 

Cada un deles recibirá unha contía máxima de 6.000 euros, e a axuda será compatible con axudas doutras administracións. Ademais destes recursos, a Deputación ten xa mobilizados outros 200.000 euros co mesmo fin para as entidades sociais da provincia, co que o investimento total da Deputación este ano nas liñas de axudas por concorrencia en materia de igualdade ascende a 460.000 euros. No caso da liña dedicada ás entidades sociais, o prazo de solicitude está aberto ata o 17 de febreiro.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias