El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Nacional

GALICIA | SOGAMA

Sogama incentiva a implantación da recollida diferenciada dos biorresiduos cun canon de 51,4 euros/Tn

O que supón 31,4 euros menos que a bolsa negra.

31-01-2025 18:22:25
Recollida dos biorresiduos.

REDACCIÓN | O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o canon de Sogama para a xestión dos biorresiduos recollidos de forma diferenciada a través do contedor marrón, en proceso de implantación en Galicia. 

O prezo polo tratamento desta fracción actualízase unicamente co IPC correspondente, pasando de 50 €/Tn en 2024 a 51,4 €/Tn en 2025; un custe para as arcas locais moi inferior ao da bolsa negra (31,6 euros menos por tonelada), constituíndo esta unha medida coa que a empresa pública pretende incentivar a compostaxe da materia orgánica e contribuír ao cumprimento dos obxectivos europeos en materia de reciclaxe. 

Tendo en conta que,  conforme á lexislación europea, os concellos quedaban obrigados a implantar a recollida selectiva da materia orgánica a partir do 31 de decembro de 2023, a Xunta de Galicia, a través de Sogama, propúxose axudalos e, con tal fin, construíu e habilitou unha rede conformada por 17 instalacións: 4 plantas de biorresiduos, unha por provincia (Cerceda, na Coruña; Cervo, en Lugo; Vilanova de Arousa, en Pontevedra; e Verín, en Ourense), apoiadas por 13 plantas de transferencia que dispoñen dunha tolva específica para o transvasamento dos residuos orgánicos, desde onde son transportados á planta de compostaxe máis próxima. 

O obxectivo último desta rede, á que se destinou un investimento de 45 millóns de euros, dos cales 30 millóns procederon dos Fondos FEDER-REACT como resposta á crise do COVID-19, é que a práctica totalidade dos concellos adheridos a Sogama (295) dispoñan dunha planta de biorresiduos ou de transferencia a menos de 50 km de distancia. 

Apóstase así por unha xestión descentralizada da fracción orgánica, acurtando distancias entre os lugares de produción e os de tratamento e, polo tanto, diminuíndo as emisións de CO2 á atmosfera derivadas do transporte por estrada.


Compostaxe doméstica, alternativa ou complemento

Concellos de carácter rural, cun reducido número de habitantes e unha gran dispersión da poboación, optaron pola compostaxe doméstica, propiciando que as propias familias poñan en valor os restos de alimentos e vexetais, que xestionan in situ, e pechen o ciclo de aproveitamento da materia orgánica. Noutros casos, preferiron complementar sistemas, combinando a implantación do contedor marrón nos principais núcleos de poboación coa compostaxe doméstica e/ou comunitario. 

Neste sentido, cabe lembrar que Sogama lidera en Galicia un programa de autocompostaje ao que están adscritas 478 entidades (231 concellos, 215 centros educativos e 32 colectivos sociais) entre as que xa repartiu, de forma gratuíta, 23.000 composteiros, ademais de impartir formación específica.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias