El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACIÓN DA CORUÑA

A Deputación realiza un investimento récord de 15,9 millóns nos concellos de Ferrolterra, Eume e Ortegal

20-02-2025 17:45:05
Valentín González Formoso (2e).

REDACCIÓN | A Deputación da Coruña inicia o ano cun investimento histórico nos concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal a través do Plan Único (POS+2025), que destina 15.920.539 euros á zona. Esta cifra supón un incremento do 72% respecto ao orzamento inicial do ano pasado, converténdose no maior investimento inicial desde a creación do plan en 2017.  

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, xunto á deputada de Plans, Cristina García Rey, visitou hoxe o Concello de Narón, onde foron recibidos pola alcaldesa, Marián Ferreiro, e os membros da corporación municipal para presentar o balance do POS+ nos concellos da comarca. Desde a súa posta en marcha, o Plan Único leva mobilizados preto de 136,3 millóns de euros nos municipios da área de Ferrolterra, permitindo financiar 884 obras e numerosos servizos públicos e programas sociais.  

Durante o acto, Formoso destacou que "estamos ante o Plan Único co maior orzamento inicial da historia da Deputación", subliñando a súa importancia para que os concellos, independentemente do seu tamaño, poidan executar proxectos clave en infraestruturas, servizos municipais e benestar social. “Falamos de mellora de rúas e espazos públicos, de servizo de axuda no fogar para os maiores, de novos espazos culturais e deportivos ou de escolas infantís”, sinalou.  


Falta de financiamento local da Xunta 

Tamén puxo o foco no impacto do aumento dos custos nos servizos municipais e na falta de apoio da Xunta de Galicia, que obriga ás administracións locais a asumir competencias autonómicas sen o financiamento axeitado. “Mentres o Fondo Galego de Cooperación Local da Xunta destinou 116 millóns aos 313 concellos de toda Galicia, a Deputación investiu o ano pasado máis de 100 millóns só nos municipios coruñeses. Este 2025, a Deputación investirá máis na provincia Coruña que a Xunta en todos os concellos das catro provincias galegas”, afirmou o presidente, que fixo un chamamento “a que o plan da Xunta de Galicia incremente ata os 200 millóns de euros para toda Galicia, que non é un gran incremento, pero si establecería unha dinámica de crecemento e non de decrecemento como estamos a ver”.  

Formoso incidiu tamén no importante impacto que o Plan Único ten sobre a creación de emprego, xa que segundo os estudos económicos cada millón de euros investido xera 17 postos de traballo, o que significa que, desde a súa implantación, o programa contribuíu a crear ou manter máis de 12.000 empregos na provincia da Coruña. Este efecto multiplicador é especialmente relevante en sectores como a construción, os servizos municipais e as iniciativas sociais. 

O financiamento de proxectos a través do Plan Único tamén incentiva a actividade empresarial local, ao permitir que pequenas e medianas empresas accedan a contratos para a execución de obras públicas e servizos municipais. Así, estímase que unha parte importante dos fondos revertidos nos concellos acaban por reforzar o tecido produtivo galego.  

Pola súa banda, a deputada de Plans Provinciais, Cristina Rey García, sinalou que o Plan Único é “a principal ferramenta de financiamento para os concellos”, e representa nalgúns casos, “o 30 % dos orzamentos municipais, polo que é esencial para a súa supervivencia”. Ademais, “nace co obxectivo de darlles autonomía e que sexan eles os que deciden en que proxectos invisten os fondos públicos en función das súas realidades e necesidades” o que posibilita que “se promovan iniciativas que melloran a calidade de vida e o benestar da veciñanza”.  

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, agradeceu as achegas da Deputación: “Nos axudan a materializar as nosas inversións e as demandas que temos no noso concello”. “Presentamos melloras en accesibilidade, melloras viarias, melloras e equipamentos municipais, ampliación de redes de servizos... e así completamos o que tiñamos previsto para Narón neste exercicio”, definiu.  


Un financiamento sen precedentes para os concellos 

Os 20 concellos das comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal recibirán un investimento récord na primeira achega do Plan Único de 2025. Narón ecabeza a listaxe con 2.126.436 euros, seguido de As Pontes (1.766.577 ), Ortigueira (1.467.662 euros) e Monfero (962.510 euros). Fene, Valdoviño, Pontedeume, Cedeira, Mugardos, Neda ou As Somozas, entre outros, tamén verán notablemente incrementadas as achegas da Deputación para acometer proxectos estratéxicos en infraestruturas, servizos sociais e dinamización local.  

O POS+2025 permitirá mellorar estradas, abastecemento e saneamento de auga, iluminación pública e equipamentos culturais e deportivos. Ademais, destínanse 7 millóns de euros en toda a provincia –1,3 millóns nos concellos de Ferrolterra– a reforzar programas sociais municipais para os colectivos máis vulnerables.  


Un modelo de éxito recoñecido  

Desde a súa creación en 2017, o Plan Único consolidouse como o maior programa de obras e servizos das deputacións galegas e un dos máis importantes do Estado. O modelo do POS+ simplifica a xestión administrativa e garante que os concellos poidan decidir con autonomía o destino dos fondos segundo as súas necesidades.  

Narón é un exemplo do impacto positivo do Plan Único, con melloras en infraestruturas, servizos públicos e dinamización da actividade social e económica.  

Desde 2017, o municipio recibiu preto de 17,5 millóns de euros, que permitiron financiar un total de 63 obras e numerosos proxectos fundamentais para a veciñanza, entre eles o campo de tiro con arco do polígono de Río de Pozo, que supuxo un investimento de 364.180 euros, e que hoxe hoxe supervisaron o presidente da Deputación, a deputada e o alcaldesa de Narón.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias