REDACCIÓN | Xa se coñecen os oitos proxectos que se desenvolverán nas Residencias Artísticas Mariñán 2025, convocadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Entre o 31 de marzo e o 11 de abril, compartirán espazo, recursos e experiencias Blanca Trigo (coa proposta Mandrágora) e Sergio Marey (Camiños do desexo), na modalidade de literatura, e Paula Sanmartín (Coro priscilianista) e María Bella (O amor ao territorio), na modalidade de pensamento. As residencias de música —do 31 de marzo ao 5 de abril, as dúas primeiras propostas, e do 6 ao 11 de abril, as outras dúas— corresponderanlle a Ailén Kendelman (Unha señora orquestra), Abril (Investigación e creatividades para disco), Nanu (Creación de percusión para EP) e Incra (Ronco: disección anatómica da gaita).
A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu os xurados que seleccionaron os proxectos e destacou “a calidade das propostas presentadas”, un total de 29. Formaron o comité avaliador das residencias de literatura e pensamento —que teñen como comisario a Roberto Abuín— Sica Romero, Xosé Ricardo e Nieves Neira Roca; e o das residencias de música —das que é comisaria Aitana Cuétara— Noel Feáns, Beatriz Fontán e Carles Sala. Nas dúas reunións dos xurados actuou como secretaria, Manuela Lorenzo, xefa da Sección de Educación e Cultura da Deputación.
“Para nós, como administración”, explica Natividade González, “é unha obriga apoiar este tipo de proxectos xa non únicos, senón tan necesarios, e darlles ás creadoras e ós creadores todas as facilidades e recursos para que leven a cabo un traballo que logo nos devolven con propostas de indiscutible calidade e das que tanto gozamos”.
Segundo a deputada, “a estadía en Mariñán permítelles a todas e todos os participantes avanzar nos proxectos cunha perspectiva que é difícil adoptar fóra deste espazo en común, sen o acompañamento e a formación que lles proporcionamos para que, ademais, a súa obra chegue nas mellores condicións de recepción ao público e aos circuítos culturais”. “A experiencia en Mariñán é enriquecedora para músicos e músicas, autores e autoras, sempre nun ambiente de convivencia que propicia sinerxías que facilitan os procesos de creación e contribúe á calidade dos resultados”.
Proxectos de literatura e pensamento
.- Segundo o xurado, Mandrágora, de Blanca Trigo, propón “unha exploración mitopoética da conexión entre o ‘queer’, a ritualidade e o cotián, así como unha pertinente e novidosa resignificación da noción de bruxa ou meiga na súa conexión coas disidencias sexuais e de xénero”.
.- Camiños do desexo, de Sergio Marey, “é unha interesante proposta dunha escritura autoficcional e fragmentaria dunha persoa non binaria desde unha perspectiva disidente no rural galego, de valorar pola que implica na produción de subxectividades alternativas ás heteronormadas”.
.- Coro priscilianista, de Paula Sanmartín, preséntase como “unha proposta de ensaio filosófico que cruza a figura de Prisciliano co pensamento contemporáneo, con diálogos contracoloniais e ecofeministas, a autora artella un discurso crítico lúcido e de gran pertinencia no contexto cultural galego”.
.- O amor ao territorio, de María Bella, “desenmascara a violencia que esconden os discursos e prácticas capitalocéntricas do amor ao territorio, nun proxecto no que a autora propón unha investigación do máximo interese na actualidade sobre as formas extractivas de ocupación do rural galego, procurando fórmulas de lexitimación da súa cultura”.
Proxectos de música
.- Ailén Kendelman está á fronte d’Unha señora orquestra, un proxecto no que participan 12 persoas e do que o xurado valorou “a interdisciplinariedade entre o circo, a dramaturxia, a música e o discurso feminista”.
.- Claudia Abril (voz e percusións) e Marina Carpente (violín e voz) integran un proxecto de investigación e creatividades para disco, no que melodías tradicionais galegas e ibéricas son adaptadas a sonoridades actuais con certa intimidade, personalidade e frescura. Abril é unha proposta de folk contemporáneo na que instrumentos de música tradicional como a pandeireta, o pandeiro ou o violín folk dan lugar a un coidado repertorio que contribúe a poñer en valor a música tradicional galega sen deixar de lado a modernidade. O xurado valorou especialmente “a frescura da proposta e a temática cara a unha ocupación polo sentimento de colectividade”.
.- A multiinstrumentista, compositora e produtora Nadia Sniba e o técnico de son e vídeo e picadiscos Nacho Carmona traballaran no proxecto Creación de percusión para EP, co que Nanu pretende tecer unha ponte entre o folk experimental e a canción pop/rock, e do que o xurado destaca “o recoñecemento intercultural da raíz e a procura do punto de encontro Marrocos-Galiza a través das percusións”.
.- Con Ronco: disección anatómica da gaita estará en Mariñán Incra, un colectivo de arte sonora e visual que pon, desde as posicións de escoita e a observación, a atención sobre os sons de actividades industriais e oficios tradicionais do noroeste da península, principalmente Asturias e Galicia. Formado polos investigadores e artistas multidisciplinares Andrés Rodrigues e Iván Nespereira, da proposta o comité avaliador salienta “a súa valentía e o tratamento da gaita como obxecto cultural dende o punto de vista etnográfico e antropolóxico”.