El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACION DA CORUÑA

Formoso insta á Xunta a aumentar o financiamento municipal ata os 200 millóns

06-03-2025 16:08:23
Valentín González Formoso (c).

REDACCIÓN | O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, instou hoxe á Xunta de Galicia a que aumente a financiación municipal “como mínimo e de forma urxente” ata os 200 millóns de euros. Fíxoo na súa visita desta mañá a Carballo, onde foi recibido polo vicepresidente Xosé Regueira, o alcalde Evencio Ferrero, e os membros da corporación municipal para presentar o balance do Plan Único (POS+2025) nos concellos da comarca. 

O titular do goberno provincial fixo balance dun Plan Único a través do que a Deputación prevé investir este ano 125 millóns de euros nos 93 concellos da provincia da Coruña, fronte os 116 millóns de euros que a Xunta de Galicia destina para aos municipios das catro provincias galegas a través do Fondo Galego de Cooperación Local. 

“Por primeira vez na historia, a Deputación da Coruña destina máis fondos para financiar as 93 concellos da provincia que a Xunta para os 313 concellos de toda Galicia. Sen ningún tipo de escusa, é imprescindible establecer un mínimo equilibrio responsable de cofinanciamento cos concellos e baseado en criterios obxectivos”, destacou o presidente. 

Referido ao sistema de financiamento da Deputación, Formoso destacou que “non só é cantidade de cartos que se destinan, senón a maneira”. “Nos dá igual quen goberne en Corcubión, en Lousame ou en Narón. Financiamos en base a parámetros obxectivos como a extensión, a poboación, o número de parroquias, os quilómetros de vías que se teñen que manter... É todo en base a un cálculo matemático obxectivo”, explicou o presidente. 


Sistema “medieval” de reparto da Xunta 

En contraposición, explicou Formoso, “a Xunta de Galicia convoca aos seus alcaldes con premeditación e alevosía para avisar que un día concreto sae unha subvención e faino en concorrencia non competitiva, polo que o primeiro que presente a súa solicitude leva os cartos autonómicos”. “Parece un sistema medieval, non do século XXI. Non é a Galicia que garanta dereitos iguais en cada punto cardinal do país”, lamentou. 

Pola súa banda, o vicepresidente, Xosé Regueira, sinalou que “o Plan Único é un éxito deste goberno provincial, pois deixa atrás outros finalistas e unifica nunha mesma ferramenta todos os fondos públicos que a Deputación destina aos concellos”. Ademais, “dende que se iniciou en 2017, foi capaz de triplicar os investimentos aos concellos, en base a criterios puramente obxectivos e transparentes, a diferencia doutras administracións”. Neste sentido, fixo referencia ao “esforzo” da entidade provincial, “unha administración local que destina un orzamento aos 93 concellos coruñeses equiparable ao que a Xunta destina aos 313 de toda Galiza”. 

Regueira tamén destacou a “capacidade de planificación” que o Plan Único supón para os concellos, “ao saberen con moita antelación os fondos cos que van contar da Deputación” afirmando que “este instrumento de financiamento é fundamental para a súa supervivencia”. “Así”, engadiu, “os concellos gañan en autonomía, ao poder destinar estes investimentos aos proxectos que consideren prioritarios, e en eficiencia”. 

Pola súa banda, o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo “felicitar, aprobar e celebrar” que por parte da Deputación da Coruña se teñan “uns criterios que sempre son obxectivos” e que permiten aos concellos “acometer importantes actuacións de mellora para os veciños e veciñas”. “No Concello de Carballo, a gran maioría dos novos investimentos están centrados nas parroquias, algo que forma parte do propio espírito do Plan Único”, destacou o rexedor, que pediu a mesma obxectividade no reparto de fondos por parte doutras administracións. 


Un 72% máis nas comarcas de Bergantiños e Costa da Morte 

A maiores, durante o acto, o presidente da Deputación da Coruña explicou que este ano iníciase cun investimento histórico nos concellos das comarcas de Bergantiños e Costa da Morte a través do Plan Único, que destina 14.915.897 euros á zona. Esta cifra supón un incremento do 72% respecto ao orzamento inicial do ano pasado, converténdose no maior investimento inicial desde a creación do plan en 2017. 

Desde a súa posta en marcha, o Plan Único leva investidos 123,5 millóns de euros nos municipios da área de Bergantiños-Costa da Morte, permitindo financiar 733 obras e numerosos servizos públicos e programas sociais. 

O presidente provincial destacou que "estamos ante o Plan Único co maior orzamento inicial da historia da Deputación", subliñando a súa importancia para que os concellos, independentemente do seu tamaño, poidan executar proxectos clave en infraestruturas, servizos municipais e benestar social. “Falamos de mellora de rúas e espazos públicos, de servizo de axuda no fogar para os maiores, de novos espazos culturais e deportivos ou de escolas infantís”, sinalou. 

Formoso incidiu tamén no importante impacto que o Plan Único ten sobre a creación de emprego, xa que segundo os estudos económicos cada millón de euros investido xera 17 postos de traballo, o que significa que, desde a súa implantación, o programa contribuíu a crear ou manter máis de 12.000 empregos na provincia da Coruña. Este efecto multiplicador é especialmente relevante en sectores como a construción, os servizos municipais e as iniciativas sociais.  


Un financiamento sen precedentes para os concellos 

Os 16 concellos das comarcas de Bergantiños e Costa da Morte recibirán un investimento récord na primeira achega do Plan Único de 2025. Carballo encabeza a listaxe con 2.400.792 euros, seguido de Vimianzo (1.320.997 euros), A Laracha (1.265.833 euros) e Coristanco (1.138.685 euros). Zas, Muxía, Ponteceso, Dumbría, Cabana de Bergantiños ou Cee, entre outros, tamén verán notablemente incrementadas as achegas da Deputación para acometer proxectos estratéxicos en infraestruturas, servizos sociais e dinamización local. 

O POS+2025 permitirá mellorar estradas, abastecemento e saneamento de auga, iluminación pública e equipamentos culturais e deportivos. Ademais, destínanse 7 millóns de euros en toda a provincia –1,2 millóns nos concellos de Bergantiños e Costa da Morte– a reforzar programas sociais municipais para os colectivos máis vulnerables.  


Un modelo de éxito recoñecido 

Desde a súa creación en 2017, o Plan Único consolidouse como o maior programa de obras e servizos das deputacións galegas e un dos máis importantes do Estado. O modelo do POS+ simplifica a xestión administrativa e garante que os concellos poidan decidir con autonomía o destino dos fondos segundo as súas necesidades. 

Carballo é un exemplo do impacto positivo do Plan Único, con melloras en infraestruturas, servizos públicos e dinamización da actividade social e económica. 

Desde 2017, o municipio recibiu 22,8 millóns de euros, que permitiron financiar un total de 59 obras e numerosos proxectos fundamentais para a veciñanza. Un exemplo é a renovación das beirarrúas de Ardaña (92.000 €) e a mellora da estrada que conecta Arnados (Razo) con Sambade, que supuxo un investimento de 576.614 euros. 


Travesía de Sísamo 

A maiores, o alcalde, o vicepresidente provincial e o presidente da Deputación acudiron a supervisar a terceira e última fase das obras de mellora na estrada DP-1901 Carballo a Sísamo, actualmente en marcha. Unha vez rematados estes traballos completarase un proxecto integral de actuación na seguridade peonil e a transformación da vía nunha gran avenida, cuxa titularidade transferirase ao Concello de Carballo despois dun investimento superior aos 3.500.000 euros, dos que a institución provincial financiou preto de 3 millóns de euros.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias