El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Más noticias

DEPUTACION DA CORUÑA

O donostiarra Palacio Kursaal convértese no escenario de presentación de "A paisaxe que sabe"

18-03-2025 17:21:46
Xosé Regueira.

REDACCIÓN | O emblemático Palacio Kursal converteuse hoxe no escenario de presentación de “A paisaxe que sabe”, cun evento organizado pola área de turismo da Deputación para poñer en valor a gastronomía da provincia entre o público profesional donostiarra. O vicepresidente, Xosé Regueira, foi o encargado de abrir o acto, conducido por Oraitz García, para posteriormente dar paso á degustación dun menú elaborado a base de produtos locais polo cociñeiro André Arzúa. 

“Queremos que coñezades un pouco máis da nosa provincia a través dos nosos produtos” sinalou o vicepresidente, Xosé Regueira, durante a súa intervención. “Euskadi é para nós un territorio estratéxico, de cara a captar a un perfil de turista que valora todo o que podemos ofrecer. Por iso promovemos este tipo de eventos que repetiremos proximamente en Vitoria e Bilbao”, anunciou. “A nosa cultura, identidade, lingua, maneira de vida... configuran un produto turístico de primeiro nivel. E temos que facer do turismo unha experiencia que se basee non so na cantidade senón na calidade, por iso estamos en Euskadi”. 

O millo corvo, as fabas e os chícharos bágoa de A Despensa d`Lujo; os berberechos de Noia; as vieiras de Barallobre; o polbo de Muros; os grelos da IXP Grelos de Galicia; a pescada de Ribeira; o porco celta; a costela da IXP Ternera Gallega; as patacas de Cositanco e o queixo das DOP Tetilla e Arzúa Ulloa compuxeron un menú que degustaron máis de 80 asistentes, maridado con Vermú Lodeiros; os viños de Adega Entre os Rios e Adegsa Cstellum Augusti (IXP Barbanza e Iria) e de Adegas Bordel (IXP Viños da Terra de Betanzos) e Vánagandr, a mellor xenebra do mundo elaborada en Cambre. 

A Deputación presentaba, así, os “saberes e sabores” da provincia, “co obxectivo de poñer en valor o bo facer dos nosos produtores e produtoras locais e chefs”, sinalou o vicepresidente, “e tamén para que coñezades de primeira man a nosa gastronomía, que para nós agora mesmo é un dos principais destinos turísticos da provincia, sinónimo de calidade, sustentabilidade e que ademais xera grandes oportunidades socioeconómicas no territorio”. Regueira rematou convidando a todos os asistentes a visitar a provincia, “cos ollos moi abertos, e con ganas de coñecer unha cultura diferente e un territorio auténtico con moito que ofrecer”.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias