El Confidencial
radiolider Buscador de noticias buscar en google
José Manuel López García
Sociedad

Máis dun cento de embarcacións tradicionais participan nun encontro en Ferrol

Obradoiros, visitas, concertos, exposicións e encontros con expertos divulgan o patrimonio marítimo en Ferrol

05-07-2007

O VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia arrancou en Ferrol coa participación de máis dun cento de embarcacións procedentes de toda a Península Ibérica e de Francia. A festa, promovida pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, divulgará o patrimonio marítimo a través de visitas ás naves, obradoiros, concertos, exposicións e encontros con expertos, que se desenvolverán ata o domingo no peirao de Curuxeiras. Botes, gamelas, dornas, racús, bateeiros, lanchas polbeiras e un vello galeón poderán visitarse neste encontro bienal, iniciado hai xa 14 anos. O público poderá embarcarse nos buques clásicos ou nos botes de pasaxe da ría de Ferrol durante as regatas. Neste mesmo espazo, inaugurarase a exposición ?Patrimonio do vento do sal: embarcacións tradicionais galegas?, dentro do programa NaBeira, da Consellería de Cultura. Entre as actividades destas xornadas, difundirase información sobre asociacións e museos galegos, portugueses, asturianos, vascos e bretóns, unidos polo seu traballo a prol da cultura marítima e fluvial. A través de obradoiros para nenos e maiores, os visitantes poderán coñecer o traballo das redeiras, dos cesteiros, dos modelistas navais, e doutros oficios vencellados ao mundo do mar. Ademais, organizaranse xornadas técnicas sobre a creación dun novo marco normativo para as embarcacións tradicionais e clásicas. O obxectivo das xornadas é dar a coñecer o estado actual de uso e de protección xurídica das embarcacións tradicionais e clásicas e establecer liñas de traballo europeo para a súa conservación e catalogación. Esta actividade, a bordo do Hidria II, pretende tamén establecer liñas de traballo para elaborar un novo marco normativo a nivel europeo sobre a conservación e catalogación das embarcacións. O Encontro estará amenizado durante os catro días por música tradicional, a cargo de grupos como Malvela, Viravolta, o Real Coro Toxos e Froles ou o grupo Os Raparigos, así como cun ciclo de cine do mar e desfiles de embarcacións tradicionais.





www.galiciadiario.com no se hará responsable de los comentarios de los lectores. Nuestro editor los revisará para evitar insultos u opiniones ofensivas. Gracias