A consellería de Vivenda e Solo, que dirixe a nacionalista Teresa Táboas, adxudicou por 194.188 euros a implantación do segundo parque empresarial de Mos (Pontevedra). Deste xeito, a empresa IDOM comezará inmediatamente a redacción do Proxecto Sectorial e do Estudo de Sostenibiliade nun ámbito de actuación proposto de 1.200.000 metros cadrados. Segundo informou Vivenda, a superficie final do ámbito concretarase en sucesivas reunións técnicas entre responsables da Consellería e da empresa adxudicataria. A redacción deste Proxecto Sectorial supón o inicio dos traballos técnicos necesarios para o desenvolvemento dunha superficie empresarial na parroquia mosense da Arroufana ao leste da N-550. No proceso de selección das propostas, a Consellería de Vivenda e Solo valorou a idoneidade da solución proposta no que respecta á súa integración no entorno e á conectividade do parque coas vías de comunicación existentes ou futuras. Ademais, entre outros criterios, o Departamento Autonómico tivo en conta a proposta de ordenación interna do parque empresarial, a avaliación dos custes económicos do parque, e a metodoloxía proposta para o desenvolvemento dos traballos. A adxudicataria da redacción do Proxecto Sectorial do Segundo Parque Empresarial de Mos tivo en conta para presentar a súa proposta o planeamento urbanístico, infraestruturas existentes ou previstas a curto prazo, condicionantes ambientais, condicionantes socioeconómicos, demanda e oferta de solo empresarial e características e localización de actividades produtivas. Toda esa información permitirá que a proposta sirva como instrumento de ordenación para a localización e implantación das actividades empresariais, de tal xeito que se garantan os criterios de ordenación e sostenibilidade ambiental. A conselleira de Vivenda e Solo, a nacionalista Teresa Táboas, xa anunciou a creación deste segundo parque empresarial no Concello de Mos durante a presentación dos resultados do proceso de solicitude de parcelas no Parque Empresarial que a Consellería xa está a desenvolver na zona da Veigadaña. Un total de 440 empresas solicitaron parcelas neste primeiro parque por unha superficie que suma 1.799.000 metros cadrados, fronte aos 393.300 m2 de solo empresarial neto dispoñible. A pesar desta elevada demanda, tan só un 3,64% das solicitudes de parcelas corresponden a empresas de nova creación, mentres que o restante 96,36% foi para traslado ou ampliación.