REDACCIÓN | O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, presidiu hoxe o pregón do San Froilán desde o balcón do Concello, co que comezan de forma oficial as festas patronais da cidade. Fíxoo xunto á concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, e á xornalista e locutora da Radio Galega, Cristina Lombao, encargada de abrir as festas co seu pregón. Antes, o rexedor municipal puxo en valor unhas festas que dixo “renovan cada ano o orgullo de ser lucenses e a nosa identidade como pobo e como galegos”.
Fixo fincapé neste aspecto, ao referirse á xornalista lucense encargada de dar o pregón. Dela comentou que “é voz inconfundible da Radio Galega durante décadas, unha voz reivindicativa, do feminismo e do lucensismo, que todas e todos debemos compartir”. Neste sentido, Miguel Fernández destacou que “estes festexos fan que todos e todas teñamos unha mesma voz para falar ben alto do orgullo pola nosa cidade e as nosas festas”. Ademais, como alcalde e como lucense máis pediu á cidadanía que “nestas festas non falten a concordia e a boa sintonía e que desfrutedes ao máximo para que o San Froilán siga a ser a auténtica festa do pobo”.
Desde o balcón do Concello, Miguel Fernández, dixo ter “moitas ganas de ver cómo se viven estas festas coa nova conformación dunha cidade máis aberta, peonil, cómoda e accesible, unhas características que tamén definen ás nosas patronais, por tratarse dunhas celebracións que acollen, que dan a benvida a visitantes e ás e aos lucenses que por uns días retornan a súa cidade”.
Ademais, o rexedor tivo unha lembranza moi especial para Paula Alvarellos, “unha muller que por encima do seu cargo como alcaldesa amaba estas festas e o que significan para Lugo”, así como para o compañeiro de corporación Pablo Permuy. Ambos se entregaron a esta cidade, nun claro exemplo do que é auténtico compromiso de servizo público e tamén nestes momentos imos votarlles moito en falta”.
Pola súa banda, a pregoeira Cristina Lombao, nun emotivo pregón lembrou as súas vivencias de nena nas festas patronais, fixo gala do seu lucensismo sinalando que “nunca digo que estou orgullosa de ser de Lugo, porque foi unha sorte non elixida”, ao tempo que tamén fixo gala da súa voz reivindicativa para utilizar, dixo “a voz da palabra, que ás veces molesta, para axudar a acender conciencias, irmándanos cos demais...”, facendo referencia, entre outras masacres e asasinatos, ao xenocidio Palestino.
A xornalista lucense tamén eloxiou “a festa máis fermosa do outono galego, en palabras de Álvaro Cunqueiro”, ao que dixo que ela “engadía que é fermosa porque os lucenses gozamos da nosa cidade”. Unha urbe da que sinalou que “os espazos públicos sexan espazos para compartir, para convivir, para gozar e para sentirnos parte dun proxecto común”.