Galicia formalizou a súa participación na Expo Internacional de Zaragoza 2008, un evento que se desenvolverá na capital aragonesa entre o 14 de xullo e o 14 de setembro do vindeiro ano e no que participarán preto de 100 países de todo o mundo. A mostra estará centrada na auga e o desenvolvemento sostible. O director xeral de Turismo da Consellaría de Innovación e Industria, Rubén Lois González e mais o presidente de Expoagua Zaragoza 2008, Roque Gistau Gistau, asinaron o contrato de participación de Galicia na Expo Internacional. Esta sinatura produciuse no marco da segunda reunión internacional de planificación que contou coa presenza de 350 delegados deses preto de 100 países. Segundo explicou o director xeral de Turismo, Rubén Lois, ?Galiza é un país fondamente vinculado á auga. A nosa proposta en Zaragoza será innovadora, interactiva e cunha presenza importante da natureza ao que se sumará a oferta gastronómica e das Denominacións de Orixe. Aparte da presenza na mostra internacional do pavillón galego que se está a construír e cuxas obras avanzan a bo ritmo, programaranse espectáculos de rúa, danza contemporánea e música, dende a máis tradicional ás novas tendencias. Galiza parte dun investimento de dous millóns de euros para participar nesta exposición internacional. O día 18 de xullo de 2008 será a xornada dedicada a Galicia dentro dos eventos programados nos tres meses que durará a expo. A organización da Expo 2008 xa vendeu 1,9 millóns de entradas para asistir á expo e a organización espera unha afluencia que supere os seis millóns de visitantes.