Elixio Rodríguez Domínguez, de 97 anos e natural de Grou, no concello de Lobios, e veciño do concello ourensán de Bande, faleceu este luns en México D.F., onde residíu boa parte da súa vida. O Bloque Nacionalista Galego fixo pública, por este feito, a súa dor e pesar pola morte deste histórico galeguista e exiliado republicano, que sempre foi "mestre e amigo do BNG". Neste senso, dende o nacionalismo manifestan o seu pesar á familia e a tódalas personas que o trataron e quixeron durante todos os seus anos de vida. Elixio Rodríguez foi membro das Mocidades Galeguistas e durante a guerra contra o golpe de estado foi coronel do Exército da República. Tivo, non obstante, que refuxiarse en Francia e foi, finalmente, un dos moitos galegos que foron evacuados cara México, onde residíu o resto da súa vida, grazas á intervención de Castelao e das comunidades galegas de América. En México desenvolveu unha carreira empresaria que lle deu ocasión de tratar con numerosas personalidades políticas e culturais. De feito, o hoxe falecido participou en actividades culturais galeguistas, como a Fundación do Padroado da Cultura Galega en México, a revista de radio A Hora de Galicia e a revista Vieiros. Ademais, publicou en 1997 a novela autobiográfica "Matádeo mañá". Dende o BNG, destacan que Elixio Rodríguez era un nacionalista convencido e, mostra disto, é que participou nos últimos anos nos actos do Día da Patria Galega organizados por esta organización política. Por iso, os nacionalistas salientan "o seu inquebrantábel compromiso coa causa nacional galega e coa democracia" e expresan a súa tristeza porque por que primeira vez en moitos anos Elixio non pode estar presente no Día da Patria 2007.